Ir ao contido da páxina
Terras do Navia
Terras do Navia

Viños entre Montañas con Raíces Artesanais

  • Distancia: 80 km
  • Tempo estimado do percorrido en coche: 2 horas
  • Tempo mínimo estimado para as visitas da ruta: 2 xornadas completas
Descargar PDF

Afonda nas raíces da viticultura artesanal da IXP Terras do Navia a través da ampla variedade de espazos naturais protexidos que configuran a rede de micropaisaxes do Xeodestino Ancares Terras de Burón, un lugar no que conectar coa natureza, respirar tranquilidade e gozar dunha proposta enogastronómica que combina tradición e innovación.

Comezamos a viaxe visitando a Tenda de Asgafón (Asociación de Gandeiros A Fonsagrada), un establecemento que vende diversos produtos locais como viños, queixos, mel, produtos da horta..., e incluso os seus propios pratos de cociña caseira, listos para levar. En definitiva, alimentos de calidade, de proximidade e con todas as garantías.

De camiño a Negueira de Muñiz pararemos nos miradoiros da estrada LU-P 3601, que ofrecen unha fantástica panorámica da beleza do Río Navia, as súas ladeiras e as impresionantes montañas. Desde calquera dos miradoiros percíbese a beleza natural de Negueira de Muñiz; é todo un pracer para os sentidos ver os diferentes matices de bosques e viñedos.

A nosa seguinte parada será a Área Recreativa Virxe da Veiga, un espazo amplo con zona de sombra, mesas e bancos de madeira. Como elemento singular, atopamos unha pequena capela dedicada á Virxe da Veiga. A igrexa orixinal está moi preto, aínda que cuberta polas augas do encoro de Salime.

A viaxe continúa coa visita á Adega Sidrón, na que elaboran viños brancos e tintos cargados de matices e froito dun proceso artesanal que parte do cultivo de dúas hectáreas de terreo con vides autóctonas. O eido de cultivo sitúase en terrazas centenarias bañadas polo caudal do río Navia. A visita enoturística desta adega inclúe un percorrido polas súas instalacións e viñedos, a realización dunha cata coa posibilidade de degustar tres viños diferentes elaborados con branca lexítima ou un branco e un tinto. E, finalmente, gozar dunha comida elaborada no propio restaurante da adega con produtos de proximidade maridados cun viño a elixir entre as cinco referencias da adega. O restaurante de Adega Sidrón elabora con mestría pratos tradicionais da cociña galega. Durante este xantar poderemos afondar na gastronomía da contorna e coñecer as elaboracións locais máis emblemáticas.

Pola tarde realizaremos a visita á Adega Panchín, que no ano 1995 apostou por recuperar a tradición ancestral das adegas que nesta zona elaboraban viño no século XVIII. Nesa época esta zona lucense tiña máis de 90 hectáreas de viñedo, que foron esquecidas tras a construción do encoro de Salime. Na actualidade, a Adega Panchín cultiva aproximadamente dúas hectáreas con cepas en espaldera cubrindo terrazas e ladeiras en pendente. As uvas presentan unha acidez particular e dan lugar a uns viños atlánticos moi aromáticos e de produción limitada.

Continuamos a nosa viaxe coa visita á aldea de Vilaseca e á súa fermosa capela, coñecida como a Ermida de Santo Antonio de Vilaseca.

Para rematar a xornada, desprazarémonos ata Pena da Nogueira para coñecer o Xardín de Polinizadores Fernando Fueyo, un espazo duns 3.500 m2, onde o apicultor e divulgador Alberto Uría creou un espazo singular, coas condicións óptimas para a proliferación de insectos no seu hábitat natural. Isto permite, ademais do asentamento en interacción de múltiples especies, a súa observación e estudo con fins científicos e divulgativos. A abundancia de plantas, flores e insectos fan deste lugar un verdadeiro paraíso para os amantes da fotografa. Á beira do xardín, atópase o Ecomuseo O País do Abeyeiro, dedicado ao apaixonante mundo das abellas e o mel.

Diriximos a segunda xornada cara a Reserva da Biosfera dos Ancares. Comezaremos o día coa visita a Riodeporcos, alí onde o Navia fai unha especie de meandro e a súa auga reloce co sol. A pasarela que une este pobo asturiano con Galicia é unha maneira entre antiga e romántica de acceder á aldea, á que é preciso chegar camiñando.

De camiño a Fornaza, pararemos no miradoiro da pequena aldea de Arexo, desde o que gozar dunhas impresionantes vistas á esplendorosa conca vitivinícola do Navia. Xa en Fornaza desfrutaremos dunha fermosa paraxe ligada á explotación mineira. A seguinte parada será a Ferrería de Vilar da Cuíña, onde os romanos fundían antigamente o ferro. Estas dúas últimas paradas están dentro da rede de micropaisaxes de A Fonsagrada.

Continuamos a xornada coa visita a Coea, unha aldea que 
fai fronteira co Río Suarna e A Fonsagrada polo norte, e co Río Navia e con Ibias polo leste. Pola depresión que fai o río, as ladeiras da aldea de Coea, a só 350 metros de altitude sobre o nivel do mar, son un lugar propicio para a maduración da uva.

Neste espazo realizaremos a visita á Bodega da Señora, unha adega que decidiu profesionalizar a produción de viño que sempre se mantivo a nivel particular no fogar familiar. José foi o primeiro en lanzarse á vendimia, á que pronto se sumou o seu irmán, Héctor, para dar continuidade á tradición vitícola do seu pai, que hoxe en día elabora viño coas variedades Branco Lexítimo e Merenzao. Ademais da adega, estes mozos iniciaron un proxecto de enoturismo e recuperación das zonas abandonadas de Terras do Navia, con visitas á adega e aos viñedos, entre outros. Outra das particularidades do proxecto destes irmáns é que combinan as tarefas vitivinícolas coa produción de mel no microclima particular que configura o leito do río Navia en todo o seu percorrido, un territorio cheo de contrastes que impregnan a estes dous produtos e que os fai únicos.

Pola tarde propoñemos facer unha ruta circular de aproximadamente 7 km de dificultade media baixa que sae de Coea en dirección a Castañedo, onde poderemos visitar a súa igrexa. O percorrido atravesa un bosque de castiñeiros centenarios e, dende o punto máis elevado da ruta, poderemos ver Penas de Frou, un antigo xacemento aurífero. Volvendo de Castañedo cara Coea pasaremos pola Pesqueira, unha cascada de máis de 70 metros de altura.

Propoñemos rematar esta segunda xornada coa visita a Proba de Navia, unha fermosa vila á beira do río que conta con impresionantes elementos históricos que poderemos coñecer facendo o roteiro artístico Navia é arte.

Outras rutas

Ver máis