Ir ao contido da páxina
Val do Miño-Ourense
Val do Miño-Ourense

Viños con Esencia de Río

  • Distancia: 190 km
  • Tempo en coche: 4 horas
  • Tempo para as visitas: 2 días
Descargar PDF

O esplendor do patrimonio histórico a través de igrexas, pazos, casas singulares e capelas é un dos principais atractivos da contorna dos viñedos da IXP Val do Miño en Ourense, onde tamén poderemos afondar na historia da literatura a través da figura de Ramón Otero Pedrayo.

Ao longo deste percorrido gozaremos aprendendo sobre o viño, descubrindo paraxes espectaculares e desconectando da rutina en espazos naturais únicos.

A primeira parada será a Adega Terras Mancas, onde os monxes de Oseira plantaron as súas cepas hai 800 anos e que hoxe recuperaron tres apaixonados do viños con moita ilusión e un proxecto no que prima o respecto ás vides. A identidade vitícola do viño que producen nesta adega representa as características das paisaxes do Miño que se erixe como unha proposta elegante.

En Terras Mancas teremos a oportunidade de realizar unha cata cun viño sobresaínte de gran calidade, recoñecido pola crítica coa medalla Baco de Ouro da colleita 2018, a medalla de ouro de Vin España 2019 e o Premio Prata da CINVE 2019.

Posteriormente, realizaremos unha visita á Casa Museo Otero Pedrayo, en Cimadevila, na parroquia de Trasalba no concello de Amoeiro. Durante esta actividade, teremos a oportunidade de contemplar obxectos persoais do escritor, a súa biblioteca e afondar na estrutura tradicional dun pazo galego do século XX.

A terceira parada da xornada é na Fervenza do Río Barbantiño, que ten un salto de nivel de 15 metros sobre o chan rochoso. Para chegar ata este recurso natural pódese seguir o Camiño natural do Barbantiño río abaixo ou facer unha ruta de 7 km desde as Termas de Quintas en O Bañiño, en A Forxa, atravesando a Ponte de San Fiz, os Muíños da Penas e O Pozo do Inferno.

Finalmente, poñeremos rumbo cara a Casa Rectoral de Vides Singulares, onde nos aloxaremos. Este hotel rural é unha construción do século XVIII e consta de 7 dormitorios, varios salóns, adega, xardín e unha sala de catas na que se poden realizar todo tipo de eventos.

Aloxarse neste espazo é un verdadeiro privilexio, posto que se trata dun edificio histórico, que ademais de albergar elementos culturais vencellados á historia de Galicia, atópase nunha contorna natural única. De feito, desde cada unha das sete habitacións poderase gozar das vistas aos viñedos e ás montañas do Val do Río Miño. Este aloxamento constitúe en si mesmo unha experiencia enoturística, posto que ademais da visita á adega, que reservamos para a seguinte xornada, en toda a casa poderemos somerxernos na cultura do viño. Os dormitorios identifícanse coas variedades de uva que cultivan en Vides Singulares, polo que ademais de recibir o seu nome tamén están decoradas con inspiración na gama cromática de cada uva.

 

O segundo día de viaxe comeza coa visita a Adega Ferreiros, semienterrada, de recente construción e con dúas hectáreas de viñedo. Vides Singulares, xestor desta adega, consolidou unha oferta enoturística na que se potencia o achegamento ao sector vitivinícola dun xeito próximo, didáctico e ameno. En cada unha das visitas, os viticultores e responsables da adega buscan transmitir como é o proceso artesanal do coidado da vide, a poda, a vendima, etc.

Nesta adega un guía explicará cales son os traballos que se realizan no campo, cales son as diferencias entre as distintas variedades que elaboran e, posteriormente, realizarán unha cata a elixir entre diferentes opcións: cata de tres viños, cata dirixida para coñecer como os diferentes paisaxes se reflexan no viño, catas maridadas con produtos gastronómicos locais e ata se propón a opción de incluír un almorzo para gozar do mellor dos produtos gastronómicos de proximidade.

E, finalmente, trasladarémonos a Ourense, cidade na que gozaremos dun paseo polo casco histórico, da visita á catedral, dunha ruta gastronómica a través das tapas das tabernas desta cidade e, por suposto, das Burgas, os mananciais de augas termais en pleno centro.

Outras rutas

Ver máis