Ir ao contido da páxina
Terra de Barbanza e Iria
Terra de Barbanza e Iria

Viños que Fan Paisaxe

  • Distancia: 215 km
  • Tempo estimado do percorrido en coche: 3 h 30 min
  • Tempo mínimo estimado para as visitas da ruta: 2 xornadas completas
Descargar PDF

Descubre o patrimonio histórico dunha comarca na que as paisaxes rurais e marítimas están fusionadas pola historia, o turismo azul e unha enogastronomía de excelencia. Viñedos, paisaxes marítimas, cascos históricos senlleiros, espazos naturais únicos... En Terra de Barbanza e Iria gozaremos dunha viaxe pola riqueza natural, paisaxística e histórica e descubriremos a esencia da viticultura atlántica a través das adegas que conforman a IXP Viño da Terra de Barbanza e Iria.

O percorrido comeza na Adega Cazapitas, en Rianxo, un proxecto viticultor dirixido por tres amigos que buscan enxalzar a tradición dos viños galegos, recuperar o bo facer dos viticultores de épocas antigas e apostar polas uvas autóctonas. Os tres socios de Cazapitas non teñen dúbidas, “nada sería posible sen as viñas”, polo que, no seu coidado, non empregan insecticidas, acaricidas nin ningún tipo de
produto. Nesta adega cultivan unha ampla variedade de castes desde o máximo respecto á contorna para elaborar viños brancos caracterizados polo seu carácter e a súa lonxevidade e viños tintos sometidos a unha longa maceración.

Ao finalizar a visita, poñémonos en marcha con destino á Pobra do Caramiñal, onde teremos a oportunidade de afondar no patrimonio histórico de Galicia, descubrir fermosos recursos naturais e mesmo de trasladarnos a épocas prehistóricas.

A primeira proposta ao chegar a esta localidade do Barbanza é visitar as piscinas naturais esculpidas polos ríos Pedras, San Xoán e Barbanza, un enclave único en medio da natureza vinculado a numerosas lendas e fábulas. A ruta para percorrer as sete pozas de auga cristalina é de dificultade media, se ben merece a pena subir ata a última destas piscinas -a Fervenza de Misarelas-, posto que as vistas da ría de Arousa son incomparables.

Posteriormente, pola tarde, coñeceremos a fondo a vila mariñeira de Pobra do Caramiñal a través dun paseo polo porto e o centro histórico e un percorrido polo seu patrimonio histórico. Primeiro visitaremos a Igrexa de Santiago da Pobra do Deán, na que conflúen o estilo gótico, mariñeiro, plateresco, renacentista, barroco e neoclásico e da que parte a famosa procesión do Nazareno, que se celebra a mediados de setembro e está recoñecida como Festa de Interese Turístico de Galicia. A menos de 100 metros atoparemos a Casa Grande de Aguiar, unha construción do século XVI, e se seguimos poderemos contemplar a Casa do Concello, a Igrexa de Santa María A Antiga do Caramiñal e o Paseo da Xunqueira.

A seguinte parada é o Pazo Torre de Bermúdez, catalogado como Monumento Histórico Artístico de Interese Nacional e Ben de Interese Cultural, que alberga o Museo de Valle-Inclán. Trátase dun edificio do século XVI no que atoparemos primeiras edicións dos libros deste autor galego, manuscritos, esculturas, pinturas e carteis das estreas das súas obras de teatro, entre outros obxectos relacionados co escritor.

A xornada continúa coa visita á Adega Entre os Ríos, onde cultivan viñedos propios con castes procedentes de clons do Convento da Merced, escollidas tras facer unha selección das cepas máis antigas da zona hai 30 anos. Cunha produción de entre 15.000 e 25.000 botellas anuais, a filosofía deste proxecto viticultor baséase no máximo respecto pola natureza e as paisaxes, evitando o uso de tratamentos innecesarios e producindo viños que reflexan a esencia do terreo. Durante a visita teremos a oportunidade de coñecer o traballo en viñas, a propia adega e, finalmente, catar as súas elaboracións.

Este será o noso aloxamento, pois Entre Os Ríos tamén é un hotel rural, que se atopa na antiga casa do muiñeiro. A edificación, ás beiras do río Pedras e rodeada de bosques, data do século XVIII e ofrece vistas ao río desde todas as habitacións. Este encantador hotel rural dispón de aparcamento propio e pola mañá ofrece un completo almorzo elaborado con produtos locais.

A segunda xornada comeza cunha visita ao Miradoiro da Curota, desde onde poderemos gozar dunha vista panorámica de Galicia, con especial protagonismo da ría de Arousa, a illa de Sálvora e, incluso, se a meteoroloxía o permite, das illas de Ons e Cíes e o monte de Santa Tegra, case na fronteira con Portugal.

Pola mañá, teremos concertada unha visita á Adega Antonio Saborido, na que gozaremos dunha paisaxe rural na que sobresae a cor verde dos viñedos dispostos en espaldeira. Ademais de percorrer estas terras e coñecer o proceso de elaboración dos viños, que comezan cunha recollida manual da uva para poder clasificala, durante esta visita poderemos catar as elaboracións monovarietais da variedade branco lexítimo. O viño Xirpín elabórase de xeito tradicional, sen engadir produtos químicos, e potenciando o valor do terreo e da contorna. Nun primeiro momento, a familia vendía a produción caseira de viño e no ano 2007 aposta pola súa profesionalización a través dun proceso de transformación e modernización dos seus sistemas de produción, mantendo sempre a esencia da tradición.

A seguinte parada é nos Castros de Neixón, en Boiro. Este conxunto arqueolóxico constitúe un dos principais atractivos turísticos da comarca de Barbanza e da Mancomunidade de Arousa Norte, sendo ademais un dos máis antigos que se conservan en Galicia da época castrexa, con data de entre o século V a.C. e IV d.C. Estes castros representan a dous pobos contiguos: Castro Pequeno e Castro Grande e o período de ocupación correspóndese coa Idade de Bronce ata a época tardo-romana.

Desde aquí poñeremos rumbo a Valga, onde visitaremos o Museo da historia de Valga, centrado na traxectoria vital de dous personaxes destacados da historia de Galicia: o político galeguista e historiador Xesús Ferro Couselo (1906-1975) e a bailarina, cantante e cortesana Agustina Otero (1868-1965), coñecida como a Bella Otero.

Durante a tarde realizaremos a visita a Castellun Augusti, unha adega familiar creada hai máis de 15 anos co fin de comercializar o viño elaborado de xeito artesanal co método tradicional que xa empregaban os antepasados dos actuais propietarios. As parcelas desta adega están plantadas coa variedade albariño, coa que elaboran a totalidade dos seus viños de autor: Castellum Augusti e Pepe Cabanas.

En Valga, se dispoñemos de tempo, tamén poderemos realizar unha ruta de sendeirismo pola Mina Mercedes, a praia fluvial de Vilarello, o Miradoiro de Monte Beiro e as fervenzas e os muíños de Parafita e Raxoi, lugares de gran interese natural e paisaxístico.

Outras rutas

Ver máis