Ir ao contido da páxina
Terra de Betanzos
Terra de Betanzos

Viños da Biosfera con Historia e Arraigo

  • Distancia: 70 km
  • Tempo estimado do percorrido en coche: 2 horas
  • Tempo mínimo estimado para as visitas da ruta: 2 días
Descargar PDF

Natureza, historia e o respecto á terra conflúen nesta IXP para consolidar un destino enoturístico de excepción ao redor das máis de 116.000 hectáreas da Reserva da Biosfera “Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo”.

Comezamos a ruta coñecendo a Adega Rilo, onde os viticultores explicarán con detalle o proceso de elaboración dos seus viños e afondarán na aposta pola recuperación da variedade branca lexítima, propia da comarca das Mariñas. A historia arranca co proxecto persoal de Eduardo Rilo en 1942 e continúa agora coa xestión da terceira xeración da familia, que mantén o compromiso coa terra e ademais aposta pola innovación. O esmero nas elaboracións da familia Rilo e a súa minuciosidade traballando os viñedos foi recoñecida co selo de calidade das Reservas da Biosfera españolas, converténdoa na primeira produtora de viño a nivel estatal que obtivo esta distinción.

Posteriormente, propoñemos unha visita ao Pazo de Mariñán, que forma parte da Ruta da Camelia e no que gozaremos dun tesouro histórico, cultural e natural. En 1972 foi declarado Conxunto Histórico-Artístico e Monumental e a súa estrutura está dividida en tres partes diferenciadas: o propio pazo, a vivenda e os seus xardíns. Mención especial require o seu xardín, de estilo francés do século XVIII onde destacan árbores de especies raras e exóticas, algúns incluídos no Catálogo de Árbores Monumentais de Galicia e outros no de Árbores Senlleiras.

Pola tarde visitaremos a Adega Beade, xestionada por unha familia de viticultores de longa tradición especializada en elaborar viño de mesa. José Antonio Beade e a súa familia levan anos mantendo unha tradición vitivinícola que xa están a continuar as xeracións que veñen por detrás. O seu reto principal é que o consumidor se achegue aos seus viños con curiosidade: viños novos, frescos e que transmiten as esencias da súa orixe, o solo e o clima onde se cultivan.

Remataremos a xornada en Betanzos, onde descubriremos a beleza do Parque do Pasatempo, declarado Ben de Interese Cultural, visitaremos as igrexas de San Francisco de Betanzos e de Santa María do Azogue e, por suposto, pasearemos polo casco antigo da cidade, declarado conxunto histórico-artístico pola súa riqueza monumental e a súa singular arquitectura civil. Como guinda do pastel, degustaremos a tortilla máis famosa do estado, a “betanceira”.

O segundo día do itinerario comeza coa visita á Adega Pagos Brigante, un proxecto de agricultura biodinámica que aposta pola conservación do terreo e a mínima intervención no coidado das viñas. Luis Sande é a orixe da Adega Pagos Brigante e é un firme defensor da necesidade de profesionalizar os viños de Betanzos mantendo a súa esencia. Na actualidade contan con 30 parcelas de viñedo nos concellos de Paderne, Betanzos e Oza dos Ríos, que traballan de xeito manual pola súa dimensión e orografía.

A visita a esta adega en plena Ribeira en Betanzos, fronte ao río Mandeo, arranca cunha viaxe en barco ata a finca na que plantan en Paderne. Deste xeito, recrean a historia da localidade e do seu viño posto que tradicionalmente baixaban a uva das vendimas ata a adega en embarcacións.

Para a segunda visita do día iremos ata a Adega Bordel, unha explotación familiar en Abegondo cuxa tradición está vencellada tamén á produción de froita e verdura. Esta pequena adega cultiva a variedade branco lexítimo e ten unha produción moi limitada, o que lle da exclusividade. Durante a visita á súa bodega teremos a oportunidade de coñecer de primeira man a agricultura artesá que realiza o equipo de viticultores desta empresa familiar.

Finalmente, a tarde reservámola para a realización dunha das múltiples rutas de sendeirismo que existen ao longo da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Os diferentes camiños que podemos escoller e realizar a pé, en bicicleta ou en kayak, permitiranos descubrir hábitats de interese comunitario, diferentes especies de flora e máis de 200 especies de fauna protexida.

Outras rutas

Ver máis