Ir ao contido da páxina

Quen somos

Viños das IXP de Galicia é un proxecto de cooperación dos Grupos de Desenvolvemento Rural no que colaboran adegas repartidas entre as cinco Indicacións Xeográficas Protexidas ao amparo das que se elaboran viños en Galicia. Este proxecto pretende impulsar o sector vitivinícola de cada unha das indicacións establecendo canles de comunicación e cooperación entre elas e, ao tempo, favorecer o coñecemento, dentro e fóra das súas comarcas, dos produtos que elaboran as adegas, así como dos recursos enoturísticos que os rodean.

A asociación

A Asociación das IXP de Viños de Galicia é unha organización sen ánimo de lucro co obxectivo principal de potenciar, promover e promocionar o desenvolvemento e coñecemento das indicacións xeográficas protexidas de viños de Galicia, así como axudar a fomentar o recoñecemento e prestixio dos viños destas.

Saber máis

Que é unha IXP?

As Denominacións de Orixe (DO) e Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP) son instrumentos de regulación da Unión Europea para a defensa de determinados produtos tradicionais propios dun territorio que teñen determinadas características de calidade que lles confiren un lugar destacado no mercado.

As características que definen un produto con IXP son: ser orixinario dun lugar determinado, unha rexión ou un país, que posúa unha calidade determinada, unha reputación ou outra característica que poida atribuírse esencialmente á súa orixe xeográfica. Ademais, unha das súas fases de produción, cando menos, debe ter lugar na zona xeográfica definida.

En Galicia existen na actualidade 5 IXP ao amparo das que se elaboran viños seguindo as normas que establecen os seus pregos de condicións, aprobados pola Xunta de Galicia. Estes pregos recollen as características analíticas, variedades de uva permitidas, rendemento máximo e demarcación xeográficas de cultivo e produción, así como outros requisitos para a elaboración e embotellado en cada unha das indicacións.

Proxecto de cooperación «Dinamización e promoción das IXP de Viños de Galicia»

Participan no proxecto os Grupos de Desenvolvemento Rural de Pontevedra Morrazo (Grupo coordinador), Montes e Vales Orientais, Mariñas-Betanzos, Comarca de Ourense, Salnés-Ulla-Umia e Deloa (Sar, Barbanza e Muros-Noia).

Os Grupos de Desenvolvemento Rural son asociacións público-privadas sen ánimo de lucro, con funcionamento asembleario e de ámbito comarcal, cuxa función principal é o deseño, posta en marcha e xestión de Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo co obxectivo de atender, reforzar e aumentar o potencial económico, social e ambiental do seu territorio.

Entidades colaboradoras

O proxecto conta coa participación activa e contribución ao financiamento do proxecto dos propios operadores das diferentes IXP. En concreto conta coa colaboración de adegas que se distribúen nas 5 Indicacións Xeográficas Protexidas de Galicia.

Financiamento

O proxecto está cofinanciado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural a través da submedida LEADER 19.3 Cooperación, do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020.