Ir ao contido da páxina

Reflexión e cultura no encontro celebrado no Museo Meirande

Reflexión, e música foron protagonistas no encontro celebrado onte no Museo Meirande de Redondela. Luis Paadin, autor da «Guía de Vinos, Bodegas y Destilados de Galicia 2022», sinalou que nas catas a cegas que fai para a elaboración da súa guía dos viños galegos, sempre atopa alma nos viños con IXP. Juan Carlos Vázquez Abal, da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), repasou os retos para unha viticultura sostible, onde as IXPs teñen moito que dicir pola súa raigame tradicional e vínculo co territorio. Xavier Blanco da Fundación Legar puxo o foco no vínculo entre cultura vitícola e música nun encontro ao que acudiron adegueiros de toda Galicia.

O encontro supuxo o peche a un ano de actividades de Viños das IXP de Galicia, un proxecto de cooperación dos Grupos de Desenvolvemento Rural no que colaboran 15 adegas repartidas entre as catro Indicacións Xeográficas Protexidas ao amparo das que se elaboran viños en Galicia. Este proxecto pretende impulsar o sector vitivinícola de cada unha das indicacións establecendo canles de comunicación e cooperación entre elas e, ao tempo, favorecer o coñecemento, dentro e fóra das súas comarcas, dos produtos que elaboran as adegas, así como dos recursos enoturísticos que os rodean.

Tanto o Subdirector de relacións cos Grupos de Desenvolvemento Rural da Agader (Xunta de Galicia), Moisés Blanco Paradelo, como o xerente do GDR Pontevedra-Morrazo, José María Tobío, coordinador do proxecto, sinalaron a necesidade de dar continuidade ás actividades deste proxecto co obxectivo de dar a coñecer estes produtos tamén no ámbito urbano, potenciar o asociacionismo e seguir explorando as oportunidades que plantexan os recursos etnoturísticos que rodean a actividade das adegas.

 

Compartir: