Adegueiros e institucións discuten xuntos o futuro dos viños con indicación xeográfica protexida
O asociacionismo no sector vitivinícola e a recuperación de terras para o seu cultivo foron os temas centrais das xornadas divulgativas que se celebraron en Valga e Rianxo os días 24 e 25 de maio, nas que as protagonistas foron os adegueiros, que estiveron acompañados pola Directora Xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé Riveira, o Director Xeral da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos Corral, e os alcaldes de Valga, Pontecesures e Rianxo.
Na xornada do martes, José María Bello Maneiro, alcalde de Valga, deu a benvida aos participantes e referiuse á tradición vinícola de Valga, que ten como principal expoñente á caña do país, e anunciou que o Concello está a promover xunto a Consellería do Medio Rural a creación dunha zona de plantación de viñedos no municipio. Juan Manuel Vidal Seage, alcalde de Pontecesures e presidente do GDR Salnés-Ulla-Umia, sinalou a necesidade de establecer unha simbiose entre adegas e insitucións.
José Luis Cabarcos, Director da AGACAL, despois de presentar as potencialidades de futura lei da cadea alimentaria puxo o foco na importancia do futuro das IXP de viño dentro da proxección de produtos de calidade e variedades autóctonas a nivel nacional e internacional.
Nesta xornada, produtores de toda Galicia discutiron en grupos as vantaxes da cooperación entre adegas, que consideran unha oportunidade para impulsar a súa actividade.
Na segunda das xornadas, Inés Santé Inés, Directora Xeral de Desenvolvemento Rural, destacou as posibilidades que ofrece a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia para impulsar a produción das catro indicacións xeográficas protexidas do viño galegas, e respondeu as cuestións que lle plantexaron os adegueiros presentes. O Alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, puxo o foco no apoio da súa corporación a proxectos que impliquen a posta en valor do territorio.
Ao final de ambas xornadas, puidéronse probar os viños das adegas que comercializan viños baixo a IXP Terra de Barbanza e Iria: Antonio Saborido, Cazapitas, Entre os Ríos e Torres Augusti.