Ir al contenido de la página
Rutas

Embárcate nunha viaxe sensorial e única no corazón de Galicia a través dos itinerarios enoturísticos das IXP de viños de Galicia. Nas terras de Betanzos, Barbanza e Iria, Ribeiras do Morrazo, Val do Miño e Terras do Navia descubrirás a esencia galega a través dunha ruta enoturística que cativa todos os sentidos.

Terra de Betanzos

A Ruta dos Viños da Biosfera

Natureza, historia e o respecto á terra conflúen nesta IXP para consolidar un destino enoturístico de excepción ao redor das máis de 116.000 hectáreas da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. O río Mandeo e o seu afluente, o Mendo, crean os vales que rodean a cidade de Betanzos, onde se concentran as terras dedicadas ás castes autóctonas desta zona. As condicións límite de luz e temperatura permiten a elaboración duns viños moi singulares.

Val do Miño-Ourense

A Ruta dos Viños con Esencia de Río

Viaxa ao corazón da IXP Viño da Terra Val do Miño Ourense, onde as uvas atópanse no seu fogar nas ladeiras que bordean o río Miño. Experimenta a autenticidade dos viños que reflexan a diversidade deste terruño único e desfruta da contorna de beleza natural e o esplendor do patrimonio histórico.

Terras do Navia

A Ruta dos Viños entre Montañas

Natureza salvaxe, historia e o respecto á terra conflúen nesta IXP Terras do Navia para consolidar un destino enoturístico de excepción ao redor da rede de micropaisaxes do Xeodestino Ancares-Terras de Burón. O río Navia e o seu afluente, o Suarna, xunto cos releves da Serra dos Ancares e a Serra do Acevo, modelan unha paisaxe de forte identidade propia onde os viñedos se concentran en vales e escarpadas ladeiras dedicadas ás castes autóctonas. Unha zona de transición cara ao mediterráneo, con marcada aridez estival e ampla oscilación térmica entre o día e a noite, que permite a elaboración duns viños moi singulares, frescos e equilibrados.

Terra de Barbanza e Iria

A Ruta dos Viños Mareiros que fan Paisaxe

O litoral norte da ría de Arousa e o curso inferior do río Ulla debuxan un territorio de marcada vocación mariñeira e tradición vitícola. Protexida pola serra do Barbanza, case a totalidade dos seus viñedos medra por debaixo dos 150 metros sobre o nivel do mar en suaves pendentes con orientación sur. Estas condicións xeográficas privilexiadas dan vida a viños extraordinarios, harmoniosos e apegados á terra, que transmiten a esencia e o orgullo dunha encrucillada cultural única.

Ribeiras do Morrazo

A Ruta dos Viños Oceánicos

A tradición vitivinícola e a beleza das paisaxes atlánticas fusiónanse nesta comarca para despregar os encantos dun recuncho costeiro onde as suaves ladeiras conflúen coa Península do Morrazo e as rías de Pontevedra e Vigo. Baixo un clima oceánico-húmido, case a totalidade dos seus viñedos atópase por debaixo dos 150 metros sobre o nivel do mar, protexidos por un cinto de serras que actúan como barreira natural contra os ventos. Estas condicións xeográficas singulares dan vida a uns viños que recollen a identidade da terra, reflectindo o mar, os vellos saberes e os nobres faceres das súas xentes.

Recursos etnoturísticos

Ver más