A tradición vitivinícola e a beleza das paisaxes atlánticas fusiónanse na IXP Ribeiras do Morrazo para despregar os encantos deste recuncho costeiro, no que as suaves ladeiras conflúen coa costa da Península do Morrazo e as rías de Pontevedra e Vigo. Ao longo do percorrido polos viñedos e durante a visita ás adegas desta IXP, os enoturistas terán a oportunidade de descubrir o rico patrimonio, a historia e o legado vinícola desta terra privilexiada polas súas particulares condicións.
O noso percorrido comeza visitando o Mosteiro de San Xoán de Poio, unha proposta enoturística única que é reflexo da importante función que desempeñaron as institucións monásticas na implantación do cultivo do viño e na que conflúen, historia, aromas e sabor. Comezamos pola igrexa construída no século XVII que combina formas clasicistas e barrocas. Visitamos o claustro das procesións do século XVI, cunha fonte barroca e unha orixinal escaleira e o claustro do cruceiro do século XVIII co seu impresionante mosaico do Camiño de Santiago. Podemos aproveitar para 9coñecer o museo de mosaicos e tamén a súa biblioteca. A visita continúa cun percorrido polos viñedos que cultiva
esta orde mercedaria, para rematar coa degustación dos seus viños elaborados coas variedades albariño e mencía. Durante esta visita, non só gozaremos da calidade dos seus viños afroitados senón tamén da súa contorna privilexiada, caracterizada polo singular espazo arquitectónico, o
patrimonio histórico e a beleza da paisaxe. Na actualidade o mosteiro dispón dunha hospedería turística rexida polos monxes, polo que poderíamos aloxarnos neste espazo histórico.
Despois, poñeremos dirección a Combarro, recoñecido como un dos pobos máis bonitos de España por publicacións como ‘Lonely Planet’. Nesta pintoresca localidade gozaremos da beleza do conxunto histórico conformado por hórreos, cruceiros e casas mariñeiras.
De camiño á seguinte adega, en Marín, poderemos achegarnos aos petróglifos de Mogor, uns dos máis famosos de Galicia. Entre estes gravados, o máis coñecido é o Labirinto de Mogor, xa que é un motivo atípico no conxunto da arte rupestre galega e é similar a outros atopados en Laponia, Finlandia, Islandia e Inglaterra. O itinerario continúa ata a Adega Ardán. Aquí realizaremos unha visita guiada para coñecer os seus viñedos e degustar as súas elaboracións. Trátase dunha adega artesanal de carácter familiar que cultiva cepas con máis de 30 anos de antigüidade e produce viños cun marcado carácter atlántico. Un dos puntos fortes de Adega Ardán é a paisaxe, que encadra o mar de fondo xunto coas preto de dúas hectáreas de viñedo disposto en parras das variedades albariño e caíño tinto. Nesta visita teremos a oportunidade de coñecer de primeira man o traballo artesanal que esta familia realiza nos viñedos e na adega e poderemos gozar dos seus viños, cos cinco sentidos!
Poñémonos en marcha cara Bueu para visitar Cabo Udra, un espazo natural no extremo sur da ría de Pontevedra fronte á Illa de Ons. Esta área foi declarada Zona Especial de Conservación polos seus valores naturais e forma parte da Rede Natura 2000, contando mesmo cunha Aula de Natureza. No alto consérvanse restos dun castro e, bordeando o cabo, atópanse impresionantes praias e calas. Bueu é o territorio da uva Tinta Femia, que é como se lle coñece nesta zona ao caíño tinto. En Cela faise cada ano a Festa do Tinta Femia, para manter viva a tradición vitivinícola da zona. Xa na vila mariñeira de Bueu, as visitas á restaurada carpintería de ribeira e ao Museo Massó resultan imprescindibles para coñecer a historia e tradición mariñeira destas terras.
Para rematar, poñeremos rumbo a O Hío, de afamados viños brancos, en Cangas do Morrazo, para visitar Videiras no Mar, unha pequena adega artesanal moi enfocada na sustentabilidade. Os seus viñedos en “espaldeira” para as castes brancas e en “emparrado” para as tintas, esténdense ata, case, alcanzar o mar, con variedades autóctonas como albariño, loureiro, treixadura, etc. Os solos graníticos e terreos areosos, o microclima e a proximidade ao mar, determinan, sen dúbida, o carácter único das súas elaboracións. É unha visita imprescindible tanto pola beleza da paisaxe como pola calidade e singularidade dos seus viños frescos e salinos. Ademais, en Donón poderemos comprobar in situ como vides prefiloxéricas medran na propia area que os ventos do Atlántico depositan nas dunas da costa do Morrazo. Unha paisaxe vitivinícola única en Europa. Se nos queda tempo, tamén poderemos visitar o famoso cruceiro do Hío, considerado como o máis importante de Galicia pola súa excelente talla, descubrir os encantos que recolle a Ría de Aldán e gozar dalgunhas das súas impresionantes praias, como Areacova.
Comezamos a segunda xornada coa visita ao castro e santuario do Facho de Donón, onde poderemos contemplar unhas inmellorables vistas do océano e as illas Atlánticas, cos cantís da Costa da Vela aos nosos pés. Tamén poderemos achegarnos ata o Faro de Cabo Home, unha das torres balizas máis altas de todo o litoral galego, con 18 metros de altura.
Continuamos o itinerario pola ría de Vigo, coa visita a vila mariñeira de Moaña, recoñecida pola súa historia, as vistas panorámicas e a multitude de rutas de sendeirismo que ofrece. Tamén podemos visitar o castro de Montealegre en Domaio ou o magnífico dolmen de Chan da Arquiña, situado na área de lecer do monte Xaxán.
Desde aquí, trasladarémonos á Adega e Casa Rural Os Areeiros, preto da enseada de San Simón, na parroquia de Santa Cristina de Cobres (Vilaboa). Nesta visita, propoñemos un percorrido polos viñedos da Adega Os Areeiros para coñecer a historia desta familia que iniciou a súa traxectoria vitícola no século XVII.
Posúen cepas centenarias e os seus viños elabóranse dun xeito artesanal sen renunciar á innovación. O viño tinto caracterízase pola súa frescura e intensidade, derivado das variedades, caíño, sousón e mencía, e o branco, un monovarietal de albariño que se caracteriza pola súa acidez e sabor afroitado. Os Areeiros ofrece unha experiencia completa para os amantes do enoturismo, posto que tamén dispón dunha casa de turismo rural para gozar da proximidade do mar e das praias, e dunha gastronomía con produtos de proximidade e elaboracións caseiras. Se nos achegamos ao Miradoiro de Cotorredondo, poderemos contemplar en toda a súa extensión o territorio da IXP Ribeiras do Morrazo.
Pola tarde reservamos unha visita á Adega Reboraina, en Redondela, un pazo señorial onde ademais de coñecer os seus viñedos e degustar os seus viños, poderemos gozar da cociña tradicional do seu furancho. Os furanchos son locais de pequenas adegas onde, en temporada, se vende o viño excedente da colleita. A superficie vitivinícola desta adega é de 4 hectáreas de viñedos propios nos que se cultivan albariño e godello dende os anos 70. Coa vista posta no legado artesanal dos seus devanceiros, Reboraina aposta pola cultura, calidade, innovación e sustentabilidade na elaboración dos seus viños, que destacan pola seu aroma, textura e sabor.
En Redondela tamén podemos visitar o fantástico miradoiro do Campo da Rata para contemplar unha das mellores vistas sobre a ría de Vigo e a península do Morrazo. Ademais, a pé de ría, na antiga conserveira do alemán, poderás coñecer todos os detalles da batalla e do patrimonio cultural de Rande no centro Meirande.
Por último, seguindo o camiño portugués, rematamos a segunda xornada na engaiolante cidade de Pontevedra, que foi no seu día a cidade comercial e portuaria máis importante de Galicia e, o viño, un dos seus principais recursos económicos. É famosa polo seu centro histórico-artístico, as súas singulares prazas e as súas rúas cheas de monumentos, igrexas, xardíns, ocio e gastronomía. Non te perdas a visita á Casa das Campás, morada, segundo a tradición, do famoso pirata Benito Soto; ou seguindo o Camiño dos arrieiros que traían o famoso viño das ribeiras do Avia, a Igrexa de San Bartolomeu, onde poderemos ver os retablos barrocos decorados con follas de parra.
Ruta dos Muíños de Loira
Santuario de Santo Amaro en Cangas
Bosque Encantado ou Finca Frendoal
Igrexa de San Martiño de Moaña
Lago de Castiñeiras e mámoa do Rei
Museo Provincial de Pontevedra
Basílica de Santa María a Maior
Mosteiro de San Bieito de Lérez
Pazo do Arcebispo Malvar ou de Gandarón
Parque Etnoarqueolóxico do Outeiro das Mouras
Ponte Sampaio (Ponte e igrexa)