Ir al contenido de la página

Xornadas de Desenvolvemento e Dinamización das IXP de Viños de Galicia

Viños das IXP de Galicia é un proxecto promovido por seis Grupos de Desenvolvemento Rural no que colaboran 16 adegas repartidas entre as cinco Indicacións Xeográficas Protexidas ao amparo das que se elaboran viños en Galicia.

Ao longo da mañá representantes das 16 adegas que forman parte das cinco IXP de Viños de Galicia, presentes nas catro provincias galegas, e os representantes de AGACAL, do GDR Pontevedra-Morrazo (grupo coordinador), do GDR DELOA, do GDR Mariñas-Betanzos, do GDR ADERCOU, do GDR Salnés-Ulla-Umia e do GDR Montes e Vales Orientais reuníronse para avanzar nesta segunda edición do proxecto de cooperación. Un proxecto que pretende impulsar o sector vitivinícola de cada unha das indicacións establecendo canles de comunicación e cooperación entre elas e, ao tempo, favorecer o coñecemento, dentro e fóra das súas comarcas, dos produtos que elaboran as adegas, así como dos recursos enoturísticos que os rodean.

Desta forma, levaranse a cabo accións que poñan en valor ao produto, ao territorio e aos produtores e que axuden a consolidar as marcas comerciais en cada IXP, a que haxa un maior coñecemento das IXP e unha mellor percepción social das propias comarcas amparadas, así como un mellor posicionamento enoturístico das adegas e territorios.

Algunha destas accións serán: a creación e posta en marcha da asociación de adegas das IXP de viños de Galicia, traballar na mobilización ou recuperación da terra agraria para aumentar a base territorial das explotacións vitícolas, a creación de itinerarios enoturísticos nas IXP de Viños de Galicia ou a celebración de catro masterclass e catas comentadas de viños das IXP de Galicia (Coruña, Lugo, Ourense, Vigo) de formación e divulgación sobre a viticultura e os viños, que incluirán a degustación de viños das diferentes IXP de Galicia.

Compartir: