Illa de San Simón
- Lugares singulares
As illas de San Simón e de Santo Antonio, enclavadas no fondo da ría de Vigo, pertencentes á parroquia de Cesantes (Redondela), acolleron un antigo mosteiro e foron cantadas polo trobador Mendinho na Idade Media. Desde mediados do século XVII a illa permaneceu deshabitada. En 1838, acondicionouse como leprosería ou lazareto e foi usada como zona de corentena para os barcos con destino a Vigo. O lazareto clausurouse en 1927. Tras o inicio da Guerra Civil, en 1936, converteuse nun campo de concentración para presos políticos ata 1943. Desde aquela tivo diferentes usos como lugar de lecer ou como escola de formación profesional para orfos da mariña (1953-1963). En 1999, as illas de San Simón e Santo Antón foron declaradas Ben de Interese Cultural, recuperáronse as zonas verdes e remodeláronse os edificios existentes. Na actualidade, a Illa de San Simón funciona como un lugar da memoria histórica e acolle actividades culturais.