Ir ao contido da páxina

Cruceiro do Hío

O cruceiro de Hío está situado fronte á igrexa románica de Santo André. A súa autoría é discutida: algúns especialistas atribúeno a Xosé Cerviño García e outros, a Ignacio Cerviño Quinteiro. Foi tallado, en 1872, nunha única peza de granito. O cruceiro está levantado sobre unha escalinata de tres andares, de forma octogonal con ángulos redondeados, na que asenta unha mesa que sostén no seu centro o fuste.
A escena principal do cruceiro é o descendemento de Cristo da cruz. Xesús, morto, é descolgado por Xosé de Arimatea e Nicodemus que, subidos a unhas escadas, se axudan cunha tea que lle pasan por debaixo dos brazos. A carón da Virxe e María Madalena, san Xoán, ao pé da cruz, colle a Xesús polas pernas.
No fuste represéntase a Adán e a Eva arrepentidos, e á figura da Purísima Concepción, pisando a cabeza dunha cobra, arrodeada de arcanxos.
Na base do cruceiro hai fornelas con representacións de ánimas do purgatorio pedindo a intercesión da Virxe; Cristo resucitado no limbo dos Xustos, e, en cadansúa fornela, a Adán e a Eva (tentada polo demo representado como unha cobra) no Paraíso.

CC BY-SA Wikimedia Commons

Adegas relacionadas