Ir ao contido da páxina

As IXPs contarán con novas ferramentas de participación e garantía da calidade

A Consellería de Medio Rural reuniuse no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón) con diversos axentes, entre os que tiveron unha presencia destacada adegueiros das IXPs de Viños de Galicia, para dar a coñecer o anteproxecto de Lei da Calidade Alimentaria, que actualizará o marco normativo que regulará as Indicacións Xeográficas Protexidas e está previsto que se aprobe este ano.

Na xuntanza estiveron presentes a adega Pagos de Brigante (IXP Viño da Terra de Betanzos),  Bodegas Antonio Saborido (IXP Terra de Barbanza e Iria) e Adega Os Areeiros (IXP Ribeiras do Morrazo).

Xuntanza coa Consellería de Medio Rural

Xuntanza coa Consellería de Medio Rural

Esta norma virá a actualizar a actual Lei de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, en vigor desde 2005, co obxectivo de promover a calidade dos produtos alimentarios que se producen, transforman ou comercializan no noso territorio e buscar unha nova dimensión no mercado para achegar ás persoas consumidoras todas as garantías de que o produto pasou rigorosos controis de calidade.

O Consello Alimentario de Galicia e a Mesa da Calidade Alimentaria

Unha das novidades máis salientables será a creación de dous novos órganos: o Consello Alimentario de Galicia e a Mesa da Calidade Alimentaria Diferenciada de Galicia, que serán ferramentas de consulta e participación que estarán a disposición das diferentes Indicacións Xeográficas Protexidas de viño de Galicia. Tamén se apostará pola compra, a contratación pública verde de produtos alimentarios cun impacto ambiental reducido ou o establecemento dun sistema de certificación de sustentabilidade.

A futura lei incorporará unha regulación das marcas de garantía para a promoción sectorial e unha marca de garantía para a promoción da produción alimentaria de calidade de Galicia, nomeadamente a sección alimentaria de Galicia Calidade. Tamén criterios sociais e ambientais para a compra pública verde de produtos, que priorizarán os producidos por cooperativas agrarias ou por organizacións con maioría de mulleres ou de persoas con diversidade funcional ou en risco de exclusión, así como os de proximidade. Ao respecto das funcións de control, infraccións e sancións, adecuaranse á realidade actual, incorporando as novas tecnoloxías para garantir a máxima rigorosidade.

Compartir: