Ir ao contido da páxina

As claves das nosas IXP de Viños de Galicia: historia, patrimonio e paisaxe

Descubrir os viños das cinco Indicacións Xeográficas Protexidas de Galicia (Betanzos, Barbanza e Iria, Ribeiras do Morrazo, Val do Miño-Ourense e Terras do Navia) é adentrarse nun itinerario por algunhas das maiores xoias monumentais, históricas e naturais da nosa xeografía. Cada copa reflicte un legado físico e cultural de enorme valor.

Xoias históricas: a memoria escrita e cantada do viño

  • O calendario agrario de Santa María de Azougue e o legado feudal (IXP Betanzos): Betanzos custodia o sepulcro gótico de Fernán Pérez de Andrade en San Francisco e os capiteis de Santa María de Azougue, que representan un singular menoloxio rústico, ou calendario agrícola, coas escenas medievais da poda e a pisa da uva. 

  • Os versos de Rosalía e os foros de Iria (IXP Barbanza e Iria): A tradición vinícola figura nos rexistros do arciprestado de Iria do século XVII e na literatura galega a través do poema «¡Terra a nosa!» de Rosalía de Castro (Follas Novas), onde canta á súa «parra de albariñas uvas».

  • Os lagares rupestres e a herdanza monástica (IXP Val do Miño-Ourense): O cultivo atopa evidencias xa no século III d.C. en lagares escavados na rocha coma o do castro de Santa Lucía de Astariz, consolidándose no século IX a través dos foros e doazóns a mosteiros coma o de Santo Estevo de Atán.

  • A «bota de Pontevedra» e o comercio marítimo (IXP Ribeiras do Morrazo): Documentada dende o século XIII polo Mosteiro de Melón, a zona mantivo comercio marítimo atlántico vinculado aos Mareantes de Pontevedra e á regulación municipal do formato das pipas e botas de viño. 

  • Os foros de 1468 e a ruta dos arrieiros maragatos (IXP Terras do Navia): Negueira conserva documentos de 1468 que xa exixían plantar unha superficie mínima de viñedo para producir un viño que, posteriormente, os arrieiros maragatos transportaban a través do Alto do Acebo rumbo a Asturias e León. 

Casa de Rosalía de Castro (Padrón)

 

Xoias patrimoniais: a arquitectura da pedra e da tradición

  • Adegas centenarias e patrimonio industrial: Destacan os núcleos de adegas tradicionais de Sanzormar en Negueira de Muñiz e conxuntos industriais coma a Ferrería do Bo Retiro en Vilar de Cuíña (Terras do Navia).

  • Fortalezas e arquitectura de defensa: Ruínas históricas coma as Torres do Oeste en Catoira (Barbanza e Iria), o Castelo da Peroxa (Val do Miño-Ourense) ou a Ponte Vella e o Castelo do Conde de Altamira en Navia de Suarna.

  • Pazos e arquitectura civil: O Pazo de Trasalba en Amoeiro (Val do Miño-Ourense), fogar de Ramón Otero Pedrayo; o Pazo Torre de Bermúdez na Pobra do Caramiñal; o Pazo de Illobre en Betanzos; e o Pazo de Montero Ríos en Lourizán (Ribeiras do Morrazo), co seu emparrado de ferro ornamental. 

  • Iconografía popular e relixiosa: Os canzorros románicos de San Martiño de Moaña e A Canicouva, que representan un home bebendo dunha pipa de viño (Ribeiras do Morrazo), o monumental Cruceiro do Hío e o Hórreo de Araño en Rianxo, o máis longo do mundo.

    Cruceiro de Hío (Cangas do Morrazo)

 

Xoias paisaxísticas: a xeografía esculpida pola natureza

  • Viñedos sobre area e cantís atlánticos: As parras que medran directamente sobre a area das dunas do Hío e de Donón (Ribeiras do Morrazo), xunto ao Castro de Baroña fronte ao océano e ao Parque Natural das Dunas de Corrubedo (Barbanza e Iria).

  • Socalcos e confluencias fluviais: Os «ribeiros» e terrazas aluviais do río Miño nos Peares (Val do Miño-Ourense) e as ladeiras en socalcos dos ríos Mandeo e Mendo vistas dende o Miradoiro da Espenuca (Betanzos).

  • Viticultura de montaña: As viñas plantadas en «galleiros» e profundos vales de montaña protexidos polas serras dos Ancares e do Acebo, xunto á espectacular Seimeira de Vilagocende (Terras do Navia).

  • Santuarios rupestres e deidades da auga: Na Pedra Furada en Coirós destaca a presenza da Moura, un gravado antropomorfo que representa unha figura feminina que podería estar relacionada coa fertilidade no mundo simbólico da Idade de Ferro , e o Santuario da Ferradura en Amoeiro.

Viñedos en bancais na IXP Val do Miño - Ourense

Cada botella das nosas IXP garda no seu interior séculos de historia, a mestría dun patrimonio arquitectónico vivo e a forza inconfundible da paisaxe galega. Percorrer estes territorios e entender a súa orixe é a mellor forma de apoiar a quen traballa a terra e celebrar a identidade única que se agocha detrás de cada copa. 

 

 

Compartir: