Ir ao contido da páxina

A IXP Terras do Navia pecha o ciclo de presentacións das Rutas Enoturísticas das IXP de Viño de Galicia

A Casa do Cazador de Negueira de Muñiz acolleu este luns, 13 de xullo, a quinta e última xornada de presentación das Rutas Enoturísticas das IXP de Viño de Galicia, un proxecto de cooperación que durante os meses de xuño e xullo percorreu os cinco territorios vitivinícolas amparados polas Indicacións Xeográficas Protexidas galegas.

Nesta ocasión foi a quenda da IXP Terras do Navia, coa presentación da Ruta dos Viños entre Montañas, un itinerario que convida a descubrir un territorio singular onde a viticultura artesanal convive cunha paisaxe de montaña, socalcos históricos, patrimonio cultural e unha gastronomía fortemente vinculada ao medio rural.

O acto institucional de apertura contou coa presenza do alcalde de Navia de Suarna, José Fernández; o concelleiro de Obras de Navia de Suarna, Jorge Eugenio Rodríguez; o alcalde Cervantes, Benigno Gómez; a concelleira de Negueira de Muñiz, Raquel Díaz Barcia; o alcalde da Fonsagrada e Presidente do GDR Montes e Vales Orientais, Carlos López; e o equipo técnico do GDR Montes e Vales Orientais.
Durante a presentación púxose en valor o papel da viticultura de montaña como elemento diferenciador das Terras do Navia e destacaron o potencial do enoturismo para contribuír á dinamización do medio rural, á conservación da paisaxe e á promoción dos produtos locais.

A xornada reuniu a representantes institucionais, profesionais dos sectores vitivinícola e turístico, adegas, persoal técnico dos Grupos de Desenvolvemento Rural e público interesado en coñecer as posibilidades do enoturismo na comarca.

Durante a sesión da mañá, o antropólogo Rafael Quintía presentou a Ruta dos Viños entre Montañas, un itinerario que convida a descubrir a identidade das Terras do Navia a través dos seus viñedos en socalcos, da arquitectura tradicional, da paisaxe de montaña e do patrimonio cultural asociado á cultura do viño. A continuación, o sumiller e profesor Luis Paadín dirixiu unha cata comentada na que as persoas asistentes, arredor de cen persoas, puideron coñecer as características e singularidades dos viños elaborados polas adegas da IXP Terras do Navia, acompañados por unha selección de produtos do territorio.

As adegas Bodega da Señora, Adega Sidrón, Adega Panchín, Adega Cancelada e Adega Vizcaín participan tamén nesta xornada dando a coñecer os seus proxectos e contribuíndo á promoción dunha viticultura estreitamente vinculada á paisaxe, ás variedades tradicionais e á identidade destas terras.

Pola tarde, a xornada continuou coa presentación da ruta, unha visita guiada por parte do itinerario enoturístico e unha nova cata comentada, permitindo ás persoas participantes coñecer sobre o terreo os recursos naturais, patrimoniais e vitivinícolas que integran esta proposta.

A presentación de Negueira de Muñiz pon o punto final a un ciclo de cinco xornadas celebradas en Barbanza e Iria, Val do Miño–Ourense, Betanzos, Ribeiras do Morrazo e Terras do Navia. En conxunto, arredor de 500 persoas participaron nestes encontros, que serviron para dar a coñecer o potencial enoturístico das cinco IXP e promover unha oferta turística baseada na autenticidade, a paisaxe, o patrimonio e a gastronomía.

As Rutas Enoturísticas das IXP de Viño de Galicia están promovidas polos Grupos de Desenvolvemento Rural Pontevedra-Morrazo (coordinador), Deloa, Mariñas-Betanzos, Adercou, Salnés-Ulla-Umia e Montes e Vales Orientais, en colaboración coa Asociación das IXP de Viños de Galicia, as adegas e os viticultores dos cinco territorios participantes.

A iniciativa desenvólvese ao abeiro da intervención LEADER do PEPAC 2023-2027 e conta co financiamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER).

Con estas rutas, as IXP de Viño de Galicia consolidan a súa aposta por un enoturismo sostible, capaz de conectar ás persoas co territorio a través do viño, da cultura, da paisaxe e das historias que fan único cada un destes cinco destinos vitivinícolas.

 

 

 

Compartir: