Ir ao contido da páxina

Betanzos impulsa o enoturismo coa presentación da Ruta dos Viños da Biosfera

O Pazo de Mariñán (Bergondo) acolleu este luns a presentación da Ruta dos Viños da Biosfera, unha proposta enoturística que pon o foco na singularidade da IXP Viño da Terra de Betanzos e na súa estreita relación coa Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

Este novo itinerario forma parte das Rutas Enoturísticas das IXP de Viño de Galicia, un proxecto de cooperación promovido 6 Grupos de Desenvolvemento Rural das 5 IXP, que busca dar a coñecer Galicia a través da conexión entre viño, gastronomía, patrimonio, paisaxe e identidade territorial. A ruta dos Viños da Biosfera é unha das cinco propostas que integran esta iniciativa.

A xornada reuniu a máis de 150 persoas, entre representantes institucionais, profesionais dos sectores vitivinícola, turístico e hostaleiro, adegas, persoal técnico dos GDR e público interesado.

Xosé Regueira, Vicepresidente e Deputado de Turismo da Deputación da Coruña; Sergio Platas Casal, Vicepresidente da Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos e Vicepresidente do Consello de Dirección da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas; e José Ramón Lorenzo, Concelleiro de Medio Ambiente, Equipamentos Públicos e Seguridade do Concello de Bergondo participaron no acto institucional de apertura. Todos coincidiron en destacar o potencial do enoturismo como ferramenta para dinamizar o territorio, visibilizar os viños locais e crear experiencias turísticas de calidade vinculadas ao patrimonio e aos recursos propios da comarca.

Tras a sesión inaugural, o antropólogo Rafael Quintía foi o encargado de presentar a Ruta dos Viños da Biosfera, un percorrido que invita a descubrir a paisaxe, a cultura e a tradición vitivinícola das Terras de Betanzos a través dos seus principais recursos patrimoniais e enogastronómicos.

A continuación, as persoas asistentes participaron nunha cata comentada dirixida por Luis Paadín, na que puideron coñecer as características e singularidades dos viños da IXP Betanzos, maridados con produtos locais.

As adegas Beade, Bordel e Rilo, integrantes desta indicación xeográfica, contaron cun espazo propio para presentar os seus viños e compartir co público a diversidade e riqueza vitivinícola dun territorio que mantén viva unha tradición centenaria. Xa pola tarde, a programación continúa cunha visita guiada polos recursos incluídos no novo itinerario enoturístico, seguida dunha nova cata comentada aberta ao público.

A Ruta dos Viños da Biosfera nace co obxectivo de consolidar o Viño da Terra de Betanzos como un dos elementos identitarios da comarca, contribuíndo á promoción dun modelo de turismo sostible baseado na autenticidade, na paisaxe e na cultura do territorio.

O proxecto

As Rutas Enoturísticas das IXP de Viño de Galicia constitúen un proxecto promovido polos Grupos de Desenvolvemento Rural Pontevedra-Morrazo (coordinador), Deloa, Mariñas-Betanzos, Ardecou, Salnés-Ulla-Umia e Montes e Vales Orientais, en colaboración coa Asociación das IXP de Viños de Galicia, as adegas, os viticultores e outros axentes dos cinco territorios participantes.

A iniciativa desenvólvese ao abeiro da intervención LEADER do PEPAC 2023- 2027 e conta co financiamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER).

Próxima cita

O ciclo continuará o vindeiro venres 3 de xullo, no Mosteiro de Poio, coa presentación da Ruta dos Viños Oceánicos, correspondente á IXP Ribeiras do Morrazo.

Compartir: