As Rutas Enoturísticas das IXP de Viño de Galicia chegan ao Val do Miño-Ourense
O Pazo de Trasalba (Amoeiro) acolleu este luns a segunda das Xornadas das Rutas Enoturísticas das IXP de Viño de Galicia, centrada nesta ocasión na IXP Val do Miño-Ourense e na presentación da súa Ruta dos Viños con Esencia de Río.
A iniciativa forma parte do proxecto de cooperación “Desenvolvemento do Enoturismo nas IXP de Viño de Galicia”, promovido polos Grupos de Desenvolvemento Rural participantes en colaboración coa Asociación das IXP de Viños de Galicia, as adegas e os viticultores dos cinco territorios implicados.
No acto institucional de apertura participaron José Luís González López, alcalde de Amoeiro; Manuel Seoane Rodríguez, presidente do GDR Adercou e alcalde da Peroxa; Eduardo López, presidente da Fundación Otero Pedrayo; e José Antonio Armada, director territorial da Consellería do Medio Rural. Todos eles coincidiron en destacar o potencial do enoturismo como motor de desenvolvemento territorial, a súa capacidade para visibilizar os viños e recursos locais e o seu papel na creación de experiencias turísticas de calidade vinculadas ao medio rural.
A xornada reuniu a representantes institucionais, profesionais dos sectores vitivinícola, turístico e hostaleiro, adegas, persoal técnico dos GDR e público interesado en coñecer as posibilidades do enoturismo no territorio.
Durante o encontro presentouse a Ruta dos Viños con Esencia de Río, un itinerario que propón descubrir o Val do Miño-Ourense a través dos seus viños, das súas paisaxes fluviais, da súa gastronomía e do seu patrimonio cultural. A programación incluíu unha cata comentada polo sumiller e divulgador Luis Paadín, así como unha visita guiada polos recursos integrados na ruta da man do antropólogo Rafael Quintía.
As adegas Vides Singulares: Adega Ferreiros e Terras Mancas, integrantes da IXP Val do Miño-Ourense, participaron activamente na xornada a través da degustación dos seus viños, permitindo ás persoas asistentes achegarse á identidade e singularidade dunha zona vitivinícola marcada pola influencia do río Miño e pola riqueza do seu territorio.
As Rutas Enoturísticas das IXP de Viños de Galicia buscan consolidar unha oferta enoturística conxunta que permita descubrir Galicia a través dos seus viños, da súa gastronomía, da súa paisaxe e da súa cultura, promovendo experiencias auténticas vinculadas ao territorio e ás persoas que o habitan.