Presentada en Boiro a nova ruta de enoturismo da IXP Barbanza e Iria
O Pazo de Goiáns, en Boiro, acolleu esta mañá a presentación da nova ruta de enoturismo da IXP Barbanza e Iria, unha iniciativa que forma parte do proxecto de cooperación das cinco Indicacións Xeográficas Protexidas de viño de Galicia e que busca reforzar a conexión entre viño, territorio, patrimonio e cultura.
A xornada reuniu a representantes institucionais, adegas, entidades colaboradoras e persoas interesadas no desenvolvemento turístico e vitivinícola da comarca. Durante a apertura, tanto José Ramón Romero García, alcalde de Boiro, como Juan Manuel Vidal Seage, presidente do GDR Salnés-Ulla-Umia, puxeron en valor o potencial do enoturismo como ferramenta para dinamizar o medio rural, diversificar a economía local e dar a coñecer os recursos singulares dos territorios vitivinícolas galegos.
Pola súa parte, José María Tobío, xerente do GDR Pontevedra Morrazo, explicou o contexto e os obxectivos desta iniciativa de cooperación, que pretende consolidar unha oferta enoturística diferenciada arredor das cinco IXP galegas, contribuíndo á súa promoción e á creación de experiencias vinculadas ao territorio e aos seus viños.
Un dos momentos centrais da xornada foi a presentación do itinerario enoturístico da IXP Barbanza e Iria por parte do antropólogo Rafa Quintía. Baixo o nome de “Ruta dos Viños Mareiros”, a proposta configura unha experiencia de dous días que combina a visita ás tres adegas da IXP co descubrimento de recursos patrimoniais, culturais e paisaxísticos da comarca. O percorrido permite coñecer de preto a relación entre o Atlántico, a cultura mariñeira e a tradición vitivinícola que caracteriza este territorio.
A programación completouse cunha cata comentada dirixida polo recoñecido divulgador e catador Luis Paadín, na que as persoas asistentes tiveron a oportunidade de degustar viños da IXP Barbanza e Iria e descubrir os matices que os fan únicos, os viños das adegas Entre os Ríos, Cazapitas e Castellum Augusti.
A programación continuou durante a tarde cunha visita guiada e coa presentación práctica do itinerario enoturístico, permitindo ás persoas participantes coñecer sobre o terreo algúns dos recursos que forman parte da ruta. Esta actividade servirá para achegarse á esencia da proposta, que combina viño, patrimonio, paisaxe e cultura nun percorrido pensado para descubrir a identidade propia da IXP Barbanza e Iria. Finalmente, o acto pechouse de novo cunha cata comentada.
Esta presentación supón un novo paso no desenvolvemento das rutas de enoturismo das IXP de Galicia, unha aposta pola valorización do territorio a través dos seus viños, da súa paisaxe e do seu patrimonio cultural.