Ir ao contido da páxina

O éxito das IXP galegas en VinEspaña 2026: un impulso para as pequenas adegas

Máis alá do recoñecemento puntual, estes premios evidencian a consolidación dun modelo baseado na elaboración coidada, na recuperación de variedades autóctonas e nunha xestión responsable do viñedo. As IXP galegas continúan así gañando presenza no panorama nacional, ofrecendo propostas diferenciadas que reflicten a diversidade do territorio.

IXP Ribeiras do Morrazo: dous ouros para Raigames e Os Areeiros

Os viños da IXP  Ribeiras do Morrazo caracterízanse por ser frescos e suaves en boca, cunha acidez equilibrada e aromas francos. O clima atlántico, con temperaturas suaves e influencia de correntes mariñas húmidas, xunto cos solos graníticos e arenosos, define o perfil destes viños.

Neste territorio destaca o traballo de Bodegas Costas de Exportación, unha empresa familiar situada en Moaña. Fundada a finais dos anos setenta, aposta por producións limitadas que buscan a singularidade en cada anada.

O viño recoñecido foi Raigames, un albariño 100 %. Cunha gradación de 13 graos, destaca pola súa estrutura, carácter goloso e potencial aromático, influenciado pola proximidade do océano. Na súa primeira colleita acadou o Ouro en VinEspaña 2026.

Tamén nesta IXP foi premiada a adega Os Areeiros, situada nunha edificación do século XVII no Morrazo e rodeada por tres hectáreas de viñedo propio. A súa produción combina tradición vitivinícola e respecto polo entorno natural.

O viño Os Areeiros, outro albariño 100 %, presenta cor amarela limón con reflexos verdosos e unha intensidade aromática con notas de mazá reineta, piña e melón. En boca é amplo, persistente e cunha acidez equilibrada, o que lle valeu tamén a Medalla de Ouro.

IXP Val do Miño Ourense: Terras Mancas recibe dous ouros.

No caso da IXP Val do Miño Ourense, a primeira IXP vinícola constituída en Galicia, os viños proceden de viñedos situados en terrazos aluviais orientadas ao sur. Esta disposición favorece a insolación e protexe as vides do vento. Os viños desta zona caracterízanse por unha intensidade media, unha acidez lixeira e unha gran frescura.

Nesta edición foron recoñecidos dous viños da adega Terras Mancas: o seu branco mozo, con notas de flores brancas e pedra mollada denonimanado Terras Mancas, e o Terras Mancas Barrica, elaborado mediante un proceso que inclúe maceración en frío, fermentación controlada e crianza sobre lías, seguido de nove meses en barrica de acacia e doce meses en botella.

IXP Terras do Navia: medalla de ouro para a recuperación de viñedos en Coea.

Pola súa parte, a IXP Terras do Navia, na provincia de Lugo, destaca por unha viticultura condicionada por unha orografía de fortes pendentes e un microclima con importantes variacións de altitude e temperatura. Os seus viños son limpos, brillantes e con aromas francos. Nesta zona foi premiado Solarega, da Bodega da Señora, elaborado coa variedade Branco Lexítimo. Trátase dun viño con aromas nítidos, boa estrutura e equilibrio en boca, resultado dunha produción limitada e dunha viticultura de montaña.

O éxito destes viños en VinEspaña 2026 supón un recoñecemento ao traballo das pequenasadegas implicadas e á diversidade do territorio das IXP dos Viños de Galicia. Ademais, contribúe a dar visibilidade a proxectos que apostan pola recuperación de variedades autóctonas, o coidado do viñedo e a elaboración de viños con identidade propia.

En conxunto, estes resultados reforzan o papel das IXP dentro do sector vitivinícola galego, amosando a súa capacidade para ofrecer viños de calidade e consolidarse no ámbito nacional.

Compartir: