Ir ao contido da páxina

Administracións locais e outras institucións apoian os viños das IXP de Galicia, os «viños que falan de nós», no primeiro túnel do viño, no que participaron máis de cen persoas

Unha ampla representación institucional deu lectura dunha declaración institucional de apoio aos viños elaborados baixo a as Indicacións Xeográficas Protexidas de Galicia diante de adegueiros de todos os territorios que se achegaron este sábado á inauguración do Túnel dos Viños na sede do GDR Pontevedra-Morrazo. Participaron José Luis Cabarcos Corral, director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria; Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra e María Ramallo Vázquez, alcaldesa de Marín, que deu lectura do manifesto rodeada dos alcaldes do resto dos concellos que forman parte da IXP Ribeiras do Morrazo.

No evento, o presidente do GDR Pontevedra-Morrazo e alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández, destacou a importancia das Indicacións Xeográficas Protexidas para poder seguir ampliando as áreas de cultivo e conservar viñas ancestrais. Sinalou que e diversidade que reúnen os viños das Indicacións Xeográficas Protexidas de Galicia é unha oportunidade para introducirse nun mercado no que os consumidores valoran cada vez máis a variedade e a singularidade dos produtos. 

José Luis Cabarcos Corral, director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dirixiuse aos adegueiros presentes destacando o compromiso da administración pública coa produción das IXP e coincidiu na importancia da compoñente diferencial e de calidade para favorecer a comercialización internacional dos viños de Galicia.

Declaración institucional

A alcaldesa de Marín, María Ramallo Vázquez, deu lectura da declaración institucional de apoio dos concellos aos viños das IXP de Galicia, que partiu da consideración das «IXP como importante ferramenta para o desenvolvemento rural, que como marca colectiva da viabilidade a pequenas producións locais [...] e que ademais de dar a coñecer o territorio potencian outras actividades económicas complementarias». É por isto que os concellos de Bueu, Cangas, Marín, Moaña, Poio, Pontevedra, Redondela e Vilaboa se comprometen a «contribuír á promoción e posta en valor destes viños», especialmente dos amparados na IXP Ribeiras do Morrazo da que forman parte, «apoiando as adegas, facilitando aparticipación en eventos públicos, empregando os seus viños nos actos celebrados polas institucións», promovendo a cooperación e tamén o seu «consumo responsable e saudable.

Manifestaron tamén o seu apoio representantes da Deputación de Pontevedra, Concello de Ponte Caldelas, o Servizo de Industrias Agroalimentarias da Xunta de Galicia, a Asociación de GDRs de Galicia, o Concello de Pontecesures, o Concello de Caldas de Reis, así como as adegas colaboradoras e os Grupos de Desenvolvemento Rural de Pontevedra Morrazo, Galicia Suroeste Eurural, Mariñas-Betanzos, Comarca de Ourense, Salnés-Ulla-Umia e Deloa (Sar, Barbanza e Muros-Noia).

Exposición dos viños das IXP de Galicia e catas comentadas.

Con este acto institucional inaugurouse o primeiro dos Túneles do Viño das IXP de Galicia. Os túneles son espazos de mostra e difusión dos viños. Contan cun espazo expositivo onde se describe o contexto cultural e xeográfico dos viños das catro IXP de Galicia: Val do Miño-Ourense, Terra de Barbanza e Iria, Terrra de Betanzos e Ribeiras do Morrazo. Ademais, ao longo do día desenvolvéronse catas comentadas dirixidas a diferentes perfís: institucionais, hostelaría, prescritores e público xeral nas que participaron máis de cen persoas que puideron coñecer de primera man as propiedades duns viños «que falan».

Compartir: