3 plans de enoturismo en Galicia para un San Valentín diferente
Tradición monástica e viños de costa no Morrazo
Esta proposta enoturística para coñecer a IXP Ribeiras do Morrazo comeza no Mosteiro de San Xoán de Poio. Este enclave é un exemplo real de como as institucións monásticas foron claves na implantación do viño en Galicia. Máis aló do seu claustro do século XVIII e a súa biblioteca, a visita permite camiñar polos viñedos que a orde mercedaria traballa para producir os seus propios albariños e mencías.
O roteiro continúa cara Marín para visitar a Adega Ardán. Trátase dunha adega familiar que traballa con cepas de máis de tres décadas de atigüidade. É necesario pararse a observar as parras xusto fronte ao mar para desfrutar da paisaxe e coñecer como este factor inflúe no carácter atlántico das súas elaboracións de albariño e caíño tinto. Para completar o día, viaxaremos ao pasado retrocedendo miles de anos para gozar de achados únicos como os petróglifos de Mogor, conectados, en parte, con outros xacementos atopados a nivel europeo.
Formación vitivinícola e visita histórica no Val do Miño
Queredes aprender como se traballa a vide? A Adega Ferreiros en Ourense ofrece un enfoque didáctico e profesional para descifrar os segredos desta profesión. As persoas que forman parte desta bodega serán as encargadas de explicar de primeira man os procesos técnicos da poda, o coidado da vide e a vendima manual. Ademais, pódese escoller entre catas técnicas ou maridadas con produtos de proximidade, permitindo comparar como os distintos solos inflúen no viño resultante.
A experiencia faise completa ao aloxarse na Casa Rectoral de Vides Singulares, un edificio do século XVIII rehabilitado como hotel rural. O valor deste sitio está na súa integración: cada habitación leva o nome dunha variedade de uva e está decorada segundo a súa gama cromática e tamén ofrece unhas vistas incribles aos viñedos e ás montañas do Val do Miño. A proximidade á cidade de Ourense permite pechar o día visitando os mananciais das Burgas ou a súa catedral. Desde logo, unha oportunidade única de coñecer e saborear as variedades e terras da IXP Val do Miño - Ourense.
Recuperación de vides e paseo fluvial en Betanzos
A IXP Terra de Betanzos é o destino ideal para quen busca exclusividade técnica. A Adega Rilo, por exemplo, destaca por ser a primeira produtora de viño en España en obter o selo de calidade das Reservas da Biosfera, grazas á súa aposta pola recuperación da Branca Lexítima.
Outro punto de interese técnico é a Adega Pagos Brigante, que traballa con agricultura biodinámica en 30 parcelas distribuídas por Paderne, Betanzos e Oza dos Ríos. O que fai que esta visita mereza a pena é o seu acceso: os visitantes chegan á finca nunha viaxe en barco polo río Mandeo, recreando o transporte tradicional da uva dende os viñedos ata a bodega. Despois de coñecer o traballo manual que require a orografía da zona, o plan ideal é visitar o casco histórico de Betanzos, declarado conxunto histórico-artístico, e probar a súa recoñecida gastronomía local como a súa saborosa tortilla.
Por que elixir estas rutas?
Optar polo enoturismo de IXP este San Valentín é unha decisión práctica para quen valora o traballo artesanal que manteñen vivos os viñedos e as tradicións vitivinícolas de Galicia. Estas adegas non só producen viño; recuperan a historia local —como a uva Tinta Femia en Bueu ou as vides prefiloxéricas que medran nas dunas de Donón— e ofrecen un modelo de turismo que sostén a economía da zona sen recorrer a artificios.