Ir ao contido da páxina

O territorio que protexe: viticultura e paisaxe como barreira natural fronte ao lume

O GDR Pontevedra Morrazo vén de lanzar unha nova campaña centrada nunha idea esencial: a mellor prevención contra os grandes incendios non é a extinción, senón a xestión activa do territorio. Desde Viños das IXP de Galicia sumámonos á difusión desta mensaxe porque as nosas adegas e viticultores son parte fundamental desta solución.

Cada vez temos máis claro que os grandes incendios non son fenómenos aleatorios. A súa forza e velocidade están directamente relacionadas con paisaxes: homoxéneas e sen diversidade, abandonadas pola perda de actividade no rural, marcadas pola fragmentación da propiedade e dominadas por monocultivos altamente inflamables.

Nun territorio así, o lume ten vía libre. Por iso, a prevención non pode depender só dos medios de extinción: precisamos paisaxes ordenadas, diversas e vivas.

A viticultura como infraestrutura verde de autoprotección

As IXP de Galicia compoñen un mosaico de pequenas adegas e viticultores que, de forma activa, manteñen milleiros de hectáreas en cultivo: viñedos, soutos, prados, pequenas explotacións, camiños limpos, parcelas traballadas…

Todo isto xera barreiras naturais á propagación do lume. Tal e como expresan desde a IXP Ribeiras do Morrazo: "Viñedo +  cultivo + monte ordenado= barreira natural fronte ao lume. A viticultura é prevención".

E non é só unha metáfora. Os viñedos:

  • Reducen a continuidade do combustible.
  • Frean o avance horizontal e vertical do lume.
  • Crean espazos mosaico que dificultan a súa expansión.
  • Favorecen a reactivación económica e social do territorio.

Cada adega que traballa a súa terra contribúe, sen sabelo, á creación desa infraestrutura verde que Galicia necesita.

Os catro eixos dunha paisaxe máis resiliente

O vídeo presentado polo GDR Pontevedra-Morrazo sintetiza o modelo cara o que debemos avanzar:

  • Redúcense ignicións e propagacións perigosas.
  • Protéxense as comunidades rurais.
  • Gaña a biodiversidade.
  • Fortalécese a economía local.

As adegas das nosas IXP son parte activa deste modelo. O seu traballo mantén viva a terra e transforma o viñedo nun aliado contra os incendios.

Mira o vídeo completo nesta ligazón: https://www.youtube.com/watch?v=sZGFpZm73Hs

É unha campaña promovida polo GDR Pontevedra-Morrazo cofinanciada pola Unión Europea, o Ministerio de Agricultura e a Xunta de Galicia mediante os fondos LEADER-PEPAC 2023-2027.

 

Compartir: