Ir ao contido da páxina

As adegas das IXP galegas participan nun encontro para consolidar o proxecto de cooperación en enoturismo

Onte, xoves 23 de outubro, o GDR Pontevedra Morrazo acolleu unha xuntanza de coordinación coas adegas e asistencias técnicas das cinco Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP) de Viños de Galicia, un encontro que marca un novo paso na consolidación dun proxecto común para o desenvolvemento do enoturismo nos cinco territorios.

Durante a sesión, presentáronse os avances do proxecto de cooperación “Desenvolvemento do Enoturismo nas IXP de Viños de Galicia” e púxose o foco na creación da Rede de Colaboradores das Rutas dos Viños das IXP, unha iniciativa destinada a tecer vínculos entre actores públicos, privados e operadores turísticos. O obxectivo: impulsar o turismo vitivinícola galego, fortalecer o coñecemento dos viños das IXP e poñer en valor as adegas a través de accións comúns e colaborativas.

Esta Rede de Colaboradores busca integrar axentes do mundo da restauración, hostalaría, turismo activo e comercio local, creando unha categoría de Amigos das IXP. Con eles, desenvolveranse accións de formación, promoción e dinamización que permitan transmitir ao visitante a riqueza vitivinícola e cultural de Galicia, desde a singularidade dos seus viños ata o patrimonio e as paisaxes que os acompañan.

A reunión contou coa participación das adegas socias da Asociación de Viños das IXP de Galicia, así como co equipo das asistencias técnicas encargadas da dinamización, estratexia de comunicación e análise de contidos do proxecto.

A sesión, dirixida por Xosé María Tobío Iglesias, presidente do GDR Pontevedra Morrazo, e Jesús de la Fuente Blanco, responsable técnico da rede, concluíu cun espazo de debate no que as adegas participantes puideron compartir impresións, propostas e dúbidas sobre o proceso de creación da rede e as actividades que se porán en marcha nos próximos meses.

Esta xuntanza simboliza o compromiso compartido por seguir construíndo unha Galicia vitivinícola máis visible, conectada e sostible, onde o viño actúe como fío condutor entre o territorio, a cultura e as persoas que o fan posible. 

Compartir: