A nosa solidariedade coas persoas afectadas polos incendios
Para quen traballa a terra, ver como as lapas arrasan os viñedos é un golpe que vai máis alá do económico. Son cepas coidadas con agarimo, colleitas soñadas e esforzo compartido durante xeracións. É ver como arde o froito dun xeito de vida, a dedicación dunha familia enteira e a paixón que dá sentido a todo un sector.
A dor é inmensa, pero tamén o é a forza da nosa xente. Galicia ten demostrado unha e outra vez que sabe erguerse mesmo nas circunstancias máis duras. Esa capacidade de resistir, de reconstruír e de volver confiar na terra é tamén parte do noso patrimonio.
Por iso, hoxe queremos expresar toda a nosa solidariedade coas adegas e familias que sofren en Galicia e noutros territorios afectados. E tamén queremos agradecer de corazón a todas as persoas que loitan contra o lume. Profesionais, voluntarios e veciños que se deixan a pel para protexer vidas, terras e soños.