Ir ao contido da páxina

Os viños das IXP de Galicia únense para impulsar o Enoturismo

As cinco Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP) de viños de Galicia deron un novo paso conxunto coa posta en marcha da súa 3ª iniciativa de cooperación, un proxecto coordinado polo GDR Pontevedra-Morrazo en colaboración con outros catro grupos de desenvolvemento rural (Salnés Ulla-Umia, Deloa, Mariñas-Betanzos, Montes e Vales, Adercou) e coa Asociación das cinco IXP de Viños de Galicia.

Este programa ten como obxectivo reforzar o papel das Indicacións Xeográficas Protexidas como motor de desenvolvemento local e consolidar o enoturismo como unha ferramenta estratéxica para dinamizar a economía, poñer en valor o territorio e ofrecer experiencias de calidade a quen visita estes territorios.

Un proxecto para crear valor

O enoturismo representa unha oportunidade única para dar a coñecer os viños das IXP, aumentar a súa visibilidade e recoñecemento e xerar riqueza no rural. Ademais, permite integrar o patrimonio, o traballo das adegas, os produtores locais e a hostalería arredor dunha proposta conxunta, sostible e de futuro.

As IXP de viño de Galicia diferéncianse por manter un modelo baseado na autenticidade, a diversidade e os valores artesanais, coa produción en pequenas adegas cun forte arraigo histórico e unha estreita relación co territorio.

Os viños que elaboran son a mellor mostra da identidade cultural galega: viños que falan de nós, das nosas terras e das persoas que as coidan.

Cinco zonas de grande interese enoturístico

Actualmente existen cinco IXP recoñecidas en Galicia:

  • Betanzos
  • Val do Miño-Ourense
  • Ribeiras do Morrazo
  • Terras do Navia
  • Barbanza e Iria

Cada unha destas indicacións protexidas ofrece unha riqueza paisaxística, cultural e gastronómica que vai máis alá da copa de viño. As súas rutas enoturísticas permiten descubrir viñedos únicos, coñecer adegas familiares, conversar cos viticultores e gozar dunha experiencia que combina turismo, patrimonio e gastronomía local.

Viños con presente e futuro

Esta nova fase de cooperación reafirma o compromiso de todos os participantes neste proxecto de cooperación coa posta en valor dos viños galegos e coa construción dun modelo de turismo sostible, que respecta o medio ambiente e xera novas oportunidades para o rural.

Compartir: