Ir ao contido da páxina

Adegas e Grupos de Desenvolvemento Rural únense para impulsar as Indicacións Xeográficas Protexidas de viños de Galicia

6 Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) e 15 Adegas das 4 Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP) de viños de Galicia xuntan os seus esforzos nun proxecto de cooperación que se presenta o vindeiro 4 de novembro ás 17.30 no Pazo da Cultura de Pontevedra para dinamizar o sector vitivinícola e contribuír a súa consolidación e crecemento futuro.

Os obxectivos do proxecto son dinamizar os operadores e establecer canles de colaboración entre as catro IXP vitícolas de Galicia, impulsando o sector vitivinícola en cada un dos territorios; contribuír a consolidar e/ou aumentar o número de marcas comerciais; mellorar as canles de divulgación, promoción e comercialización dos viños así como a formación en proxección e comercialización dos elaboradores, favorecendo un maior coñecemento das IXP e unha mellor percepción social das propias comarcas amparadas. Tamén se busca  favorecer o posicionamento como destino enoturístico das comarcas que forma cada IXP.

Entre as accións previstas no proxecto está a celebración de xornadas de dinamización e Túneles do Viño ligados a cada un dos Grupos de Desenvolvemento Rural. As xornadas peseguirán a  dinamización, divulgación e animación interna, abordando retos de futuro, a dinamización da viticultura e a procura dunha mellor percepción social e coñecemento das IXP, dos seus viños e dos territorios.

Os Túneles do Viño son outra das actividades contempladas no proxecto. Parellas ás xornadas, realizaranse no territorio de cada unha das IXP de viño galegas e funcionarán como espazo de mostra, promoción e degustación de todas as referencias de viño amparadas baixo o selo das IXP. Realizaranse varias catas, ao longo do día, co obxectivo de facilitar a participación de diferentes perfís sociais: institucional, canal HORECA (Hoteis, Restaurantes e Cáterings),  sector vitivinícola e outros axentes.

Ademais, co obxectivo de impulsar o potencial enoturístico das comarcas que inclúen as IXPs, traballarase tamén na identificación dos elementos, contidos e actividades de interese enoturístico, creando unha rede de establecementos colaboradores coas IXP a partires dun receitario de menús enogastronómicos. Complétase  esta acción coa elaboración dun documento-guía de adaptación das adegas ao enoturismo que lles permita, aos operadores das IXP,  crear e/ou mellorar nas súas instalacións zonas de exposición  de viños, cata , degustación, etc

Tamén se traballará o posicionamento dixital das Indicacións mediante a construción dunha plataforma web promocional, unha campaña publicitaria e a elaboración dun plan de comunicación.
Ademais contémplase, a sinatura dun acordo institucional, para a promoción dos viños, no que se pretenden acadar a participación das entidades locais que forman parte das IXP.

Xornada de presentación  e Túnel do Viño en Pontevedra

A primeira xornada de dinamización, que servirá como acto de presentación do proxecto, celebrarase o xoves 4 de novembro  ás 17.30h no Pazo da Cultura de Pontevedra e contará  cun espazo para a divulgación, centrado na calidade dos viños amparados polas IXP, a cargo da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) e unha mesa redonda.

Na mesa redonda abordaranse, entre outros temas, a importancia  dos recursos enoturísticos, as oportunidades de mercado,  os novos modelos de consumo e a caracterización oceánica e ribeirá dos viños das indicacións galegas. Participarán Luís Paadín  (profesor e Técnico de Viticultura e Enoloxía da Universidade de Vigo),  Antonio Portela (experto en cata de viños, viticultura e enoloxía)  e Rafa Quintía (antropólogo e economista).

Está aberta a inscrición ao público a través do correo electrónico info@vinos.ixp.gal ou a través de teléfono no número 685 722 084 para atender aos protocolos sanitarios en materia da Covid19.
O primeiro dos túneles, correspondente á IXP Ribeiras do Morrazo, realizarase en Pontevedra o sábado 20 de novembro de 2021 na nova sede do  grupo coordinador, GDR Pontevedra Morrazo no lugar de Os Campos nº 19 de Mourente.

Financiamento

O proxecto que conta cun orzamento de preto de 100.000€ está cofinanciado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural a través da submedida LEADER 19.3 Cooperación, do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020.

Entidades colaboradoras

O proxecto conta coa participación activa e contribución ao financiamento do proxecto dos propios operadores das diferentes IXP. En concreto conta coa colaboración de 15 adegas que se distribúen nas 4 Indicacións Xeográficas Protexidas de Galicia: Adega Ardán, Adega Os Areeiros, Mercedarios do Mosteiro de Poio, Reboraina e Videiras no Mar na IXP Ribeiras do Morrazo; Adega Entre os Ríos, Bodegas Calidade Antonio Saborido, Bodegas Torres Augusti, e Cazapitas na IXP Viños da Terra de Barbanza e Iria; Pagos de Brigante, Casa Beade, Adegas Bordel, Adegas Rilo na IXP Viños da Terra de Betanzos e Adega Terras Mancas e Vides Singulares na IXP Val do Miño-Ourense.

O compromiso destas entidades privadas, é de contribuír ao financiamento do custo do proxecto nunha porcentaxe do 10% dos gastos subvencionables.

Entidades cooperantes

Participan no proxecto os Grupos de Desenvolvemento Rural de Pontevedra Morrazo (Grupo coordinador), Galicia Suroeste Eurural, Mariñas-Betanzos, Comarca de Ourense, Salnés-Ulla-Umia e Deloa (Sar, Barbanza e Muros-Noia).

 

 

Compartir: