Ir ao contido da páxina

Os viños das IXP demostran en Paderne a súa relevancia no desenvolvemento do medio rural como produtos de calidade con valor diferencial

José González Vázquez, Conselleiro de Medio Rural, José Ramón Rioboo Castro, alcalde de Culleredo e Delegado de Transición Ecolóxica, Emprego e Territorio Sostible da Deputación da Coruña, César Longo Queijo, Alcalde de Paderne e Xosé Antonio Santiso Miramontes, Alcalde de Abegondo e Presidente GDR As Mariñas Betanzos presidiron a mesa institucional dende a que se deu lectura a un manifesto de apoio ás IXP como importante ferramenta para o desenvolvemento rural. Todos coincidiron na importancia dos produtos que aportan calidade diferencial, como son os viños con indicación xeográfica protexida, no desenvolvemento do medio rural en afrontar retos como o da posta en valor do territorio e evitar o abandono de terras. Tamén en recoñecer o labor dos viticultores e adegueiros que traballan con paixón na elaboración destes viños.

As estratexias de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas, as características do branco lexítimo (variedade por excelencia da IXP Terra de Betanzos), o papel das Oficinas Agrarias Comarcais no desenvolvemento das IXP de Viños ou a promoción de produtos agroalimentarios dende a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo foron os temas que se abordaron nos faladoiros, tras os que se mantivo un debate co público asistente.

Pola tarde, no Túnel do viño, persoas do sector da hostalaría como público xeral puideron coñecer e probar viños das catro Indicacións Xeográficas Protexidas de Galicia, a través de catas comentadas polo sumiller Martiño Santos Canosa, que puxo o foco nas potencialidades dos viños das IXP como complemento dunha oferta gastronómica actual, así como a singularidade das diferentes marcas que se comercializan baixo cada unha das Indicacións, que nos permiten coñecer novas variedades de uvas.

Compartir: