A primeira das IXP dedicada ao viño constituída en Galicia, con grande arraigamento histórico nas comarcas situadas ao longo da zona central do val do río Miño, incluíndo Ourense e zonas limítrofes. O elemento máis característico do relevo desta zona son os “ribeiros”, zonas de terrazas aluviais que ocupan as proximidades do río, coincidindo con localizacións non superiores aos 400 m sobre o nivel do mar, orientadas cara ao sur e protexidas dos ventos, presentando condicións climáticas idóneas para o cultivo da vide.
Os viños
Os viños son frescos e suaves, lixeiramente ácidos e de intensidade media con graduacións alcohólicas moderadas. Nos viños brancos dominan os aromas e sabores afroitados con lixeiros toques vexetais. Nos viños tintos destacan as cores brillantes, as froitas vermellas e os toques minerais suaves en boca, con lixeiro final tánico.
Variedades de uvas
Para o branco empréganse Treixadura, Torrontés, Godello, Albariño, Loureira e Palomino. Para o tinto, Mencía, Brancellao, Mouratón, Sousón, Caíño Bravo, Caíño Longo, Caíño Tinto e Garnacha Tintorera.
Historia e cultura
Ao longo dos séculos, os viticultores desta rexión foron buscando as mellores zonas para o cultivo en solos nos que, en moitas ocasións, tiveron que construír muros para conter o terreo, frecuentemente en ladeiras, configurándose así unha paisaxe singular de terrazas.
As testemuñas documentais do cultivo da vide nesta comarca remóntanse a finais do século XII. Xa no ano 1857 o Boletín Oficial da provincia de Ourense publicaba a organización das grandes feiras agrícolas co obxectivo de fomentar o comercio e desenvolver o sector agropecuario provincial, destacando que o principal produto agrario da cidade e arredores era o viño.
Prego de condicións