Ir ao contido da páxina

Terra de Barbanza e Iria

A zona baixa do litoral norte da ría de Arousa mais o leito inferior e desembocadura do río Ulla configuran esta comarca costeira onde case a totalidade da superficie dedicada ao cultivo de viñedos se atopa por debaixo dos 150 m sobre o nivel do mar, con suaves pendentes de orientación sur, protexidas pola serra do Barbanza, que achegan condicións idóneas para obter viños equilibrados e harmoniosos, con excelentes expresións aromáticas e boas características de conservación.

Os viños

Son viños que manteñen como atributo fundamental o seu carácter lixeiro, limpo, brillante e suave no seu aroma e sabor, mantendo unha graduación alcohólica moderada, con aromas florais e afroitados; en boca son suaves, frescos, saborosos e equilibrados, con lixeiros toques de acidez. Os viños brancos presentan tons amarelos dourado brillantes, con destacados aromas florais e de froitas, boca lixeira e fresca, de bo potencial aromático e con toques cítricos ao final. Os viños tintos presentan unha capa media con tons vermello picota e reberetes violáceos, de estrutura media e paso suave con aromas de froitas vermellas e silvestres cun toque final lixeiramente tánico.

Castes de uvas

Para o branco: Albariño, Caíño Branco, Godello, Loureira (Loureiro Branco ou Marqués), Treixadura, Branco lexítimo (Albarín Blanco), Agudelo (Chenin Blanc) e Torrontés. Para o tinto: Brancellao, Caíño Tinto, Espadeiro, Loureiro Tinto, Mencía, Sousón e Merenzao.

Historia e cultura

Documentos eclesiásticos do século XVII, cando estas terras pertencían ao arciprestado de Iria, sinalan que «todo alcanza muy buena tierra de pan trigo, mijo, centeno y viñas en que se recoge razonable vino». Atópanse referencias en diferentes fontes históricas ata o século XIX, cando xa Rosalía fala en Follas Novas das «albariñas uvas» no seu poema «¡Terra a nosa!»: «¡Ouh miña parra de albariñas uvas, / que a túa sombra me das! [...] / ¡Xa non vos deixo, que as angustias negras / lonxe de min se irán!».

 

Prego de condicións
Compartir:

As adegas

Descubre...