A máis nova das indicacións de viño de Galicia traballa dende 2018 pola recuperación dunha cultura vitivinícola moi arraigada socialmente dende un territorio de gran potencial que se resiste ao abandono dos seus viñedos
Está situada en zona costeira (Península do Morrazo e fondos das rías de Pontevedra e Vigo), en terreos de ladeira, con suaves pendentes e orientacións protexidas polos relevos da dorsal do Morrazo, a Serra de Castrove ao norte, as elevacións cara a Serra do Suído no leste e a Serra do Galiñeiro no sur, que exercen un importante efecto barreira sobre a penetración de ventos oceánicos e permiten condicións idóneas de produtividade agrícola, case na súa totalidade en terreos por debaixo dos 150 m sobre o nivel do mar.
Os viños
Os viños das Ribeiras do Morrazo son frescos e suaves en boca, limpos, brillantes con aromas francos nos que se aprecian as características propias da materia prima da que proceden, con graduacións alcohólicas moderadas, aromas florais e de froitas e, finalmente, boa e equilibrada acidez.
Variedades de uvas
Elabóranse exclusivamente con uvas das seguintes variedades brancas: Albariño, Caíño Branco, Godello, Loureira, Treixadura, Branco lexítimo e Torrontés e tintas: Brancellao, Caíño Tinto, Pedral, Espadeiro, Loureiro Tinto, Mencía e Sousón.
Historia e cultura
As primeiras mostras evidentes do cultivo da vide no territorio de Pontevedra e do Morrazo danse na Idade Media, no século XIII, e aparecen documentadas no mosteiro de Melón (Ourense), que tiña numerosas posesións nestes territorios dedicadas ao cultivo da vide.
Entre os séculos XVIII e XIX a zona occidental da provincia de Pontevedra experimenta un aumento de viñedos, chegando a ser, xunto co millo e a pataca, a súa principal actividade agrícola, asentando unha tradición vinícola que chega aos nosos días e que deixou unha forte pegada cultural.
Prego de condicións