Ir al contenido de la página
Terras do Navia
Terras do Navia

A Ruta dos Viños entre Montañas

  • -: -
Descargar el pdf

A nosa ruta enoturística na procura dos “Viños Entre Montañas” é unha ruta pola natureza e a historia, unha viaxe polo pórtico montesío de Galicia onde se dan a man as paisaxes virxes, o patrimonio etnográfico e o legado da deusa Navia, deusa das augas, da terra e da fertilidade que soubo labrar e bendicir estas terras e os seus caldos cos súa divina providencia.A auga, o bosque e a montaña configuran esta paisaxe antiga de enorme beleza.

Este amplo espazo xeográfico inclúe os concellos de A Fonsagrada, Negueira de Muñiz e Navia de Suarna. Abranguendo, xa que logo, a todas as parroquias e territorios de produción amparados pola IXP Terras do Navia.

O eixe natural deste territorio organízase ao redor do río Navia e o seu afluente o Suarna, cuxos leitos crean vales profundos e encaixonados. Esta contorna está estratexicamente protexida polos relevos da dorsal dos Ancares, a Serra de Uría e a Serra do Acebo, que exercen un importante efecto barreira sobre a penetración de ventos oceánicos e xeran un microclima de tendencia mediterránea.

Ademais dos principais cauces, discorren ríos e regatos coma o Rodil, o Navallo, o Ranside, o Río de Lamas, o de Queizán ou o Río da Rao, que salvan grandes desniveis e forman fermosas fervenzas ou seimeiras, destacando a Seimeira de Vilagocende co seu salto de máis de 50 metros. O territorio conta con enclaves de extraordinario valor ecolóxico incluídos na Rede Natura 2000, coma a conca do Rodil e a Fraga de Carballido —un ecosistema case virxe de carballos, castiñeiros e acivros—, ademais do Encoro de Grandas de Salime e as áreas recreativas de Pena do Inferno e Virxe da Veiga.

Presentamos, pois, unha viaxe por un territorio de natureza exuberante e aldeas de montaña que conservan un incalculable patrimonio etnográfico en forma de cortíns, muíños, ouriceiras e hórreos de lousa. Unha portela de Galicia de gran valor histórico onde a gandería milenaria e os contrastes térmicos se combinan maxistralmente para dar vida a uns viños heroicos e artesanais fortemente enraizados na identidade.

Comezamos a nosa ruta polos viños entre montañas na vila de A Fonsagrada, o concello máis extenso de Galicia, empoleirada coma unha atalaia sobre os cumes. Nesta vila teremos a oportunidade de descubrir o Museo Etnográfico da Fonsagrada, cuxa sección de etnografía na planta baixa acolle a instalación dunha adega tradicional, testemuño da forza vitivinícola da zona, ademais de salas dedicadas aos oficios rurais, arquitectura popular e arqueoloxía. Completamos a visita paseando pola igrexa barroca de Santa María da Fonsagrada e a súa Fontem Sacra, antes de realizar unha andaina ata a Seimeira de Vilagocende, impresionante fervenza do río Porteliña envolvida nun bosque de ribeira e lendas de mouras. Continuamos camiño pola estrada LU-701 deixando atrás o antigo hospital de peregrinos de Fontefría para coroar o Alto do Acevo, balcón natural e entrada histórica a Galicia dende Asturias.

Avanzamos pola estrada LU-P-3601 deténdonos nos seus miradoiros para contemplar a panorámica do río Navia antes de entrar en Negueira de Muñiz, o concello menos poboado do país, que goza dun microclima propio e viñedos dispostos en socalcos escarpados. Aquí teremos a nosa primeira toma de contacto coas adegas da IXP visitando a Adega Sidrón, situada na aldea de Pieiga. Esta explotación profesionalizou a tradición familiar recuperando o cultivo en vaso en terrazas centenarias escarpadas á beira do río. Na adega poderemos realizar unha cata e gozar dun xantar no seu restaurante con produtos de proximidade coma a troita, o salmón ou as carnes de gandería e caza, maridados coas súas marcas DPieiga Branco, DPieiga Tinto, DPieiga A Marcada, DPieiga A Valía ou DPieiga Pizcos.Todos eles galardoados con numerosas medallas de ouro e prata outorgadas pola prestixiosa Guía Luis Paadín.

Quen queira tomar un descanso pola tarde nada mellor que aproveitar o paso polo lavadoiro tradicional, a igrexa de San Salvador de Negueira e a Área Recreativa Virxe da Veiga, un espazo natural á beira do río Navia que alberga a capela cun típico emparrado. Dende alí, podemos explorar a aldea abandonada de Sanzormar, conxunto etnográfico que custodia vinte adegas centenarias con antigos bocois recuperados pola Asociación Polo Desenvolvemento de Negueira, e achegarnos á pintoresca aldea de Entralgo, ancorada nun meandro do río e rodeada de viñedos con emparrados.

Rematamos a primeira xornada na mesma vila visitando a Adega Panchín, un proxecto que recuperou a tradición ancestral de elaborar viño nas ladeiras de forte pendente do Encoro de Grandas de Salime. Cunha superficie de dúas hectáreas en espaldeira sobre chans de lousa e arxila, produce de xeito limitado viños moi aromáticos coma o branco Nesta ourela —feito cen por cen con uva branca lexítima— ou o tinto de verdello tinto Panchín Tinto, algúns con crianza en barrica de carballo. Finalmente, tras pasar polo lavadoiro de Pieiga e a Ermida de Santo Antonio de Vilaseca, cruzaremos a emblemática Ponte Boabdil para visitar en Pena da Nogueira o Xardín de Polinizadores Fernando Fueyo e o Ecomuseo O País do Abeyeiro, dedicado á apicultura, antes de pechar a noite.

Comezamos a segunda etapa da ruta adentrándonos na Reserva da Biosfera dos Ancares pola estrada LU-P-1910, desfrutando de viñedos descolgados sobre os canóns do Navia. A primeira parada obrigatoria faciónse no miradoiro da pequena aldea de Arexo, na Serra de Liñares, que ofrece unha impoñente panorámica da conca vitivinícola e do río que separa a Galicia de Asturias fronte á aldea de Riodeporcos. Continuamos cara á aldea de Fornaza para contemplar a súa capela nun outeiro, as súas casas con emparrados e os restos de escoura das súas antigas ferrerías, punto onde comeza o Roteiro da Ferrería. Seguindo este sendeiro ou en coche por pista, visitaremos a histórica Ferrería do Bo Retiro na parroquia de Vilar de Cuíña, un dos complexos industriais e hidráulicos máis grandes do noroeste peninsular, construído no século XVIII e alimentado polas minas de Monteseiro.

A continuación, dirixímonos á aldea de Coea, no concello de Navia de Suarna, situada a só 350 metros de altitude nunha ladeira propicia para a maduración da uva e marcada polo uso dos "galleiros" (cepas coma lindeiros) e o "cacho", a tradicional cunca de madeira para beber viño. Neste núcleo tradicional visitaremos A Bodega da Señora, un proxecto de enoturismo impulsado por dous irmáns que profesionalizaron a produción familiar —premiada xa en 1926 pola Deputación de Lugo— e que hoxe elabora marcas coma o branco Solarega e o tinto Louseira, caracterizados pola súa frescura, acidez equilibrada e un grao alcohólico natural entre 13 e 14 graos, combinando as tarefas vitícolas co mel do río Navia.

Propoñemos o xantar e a tarde na Pobra de Navia, vila de montaña que medrou ao abeiro do Castelo de Navia (ou Castelo do Conde de Altamira, de orixe medieval, destruído na revolta irmandiña e reedificado) e que conta coa maxestosa Ponte Vella, unha das máis fermosas pontes medievais de Galicia cun arco oxival de 21 metros sobre o río Navia. Tras percorrer o roteiro artístico "Navia é arte" e descansar na Área Recreativa do Campo das Veigas, podemos emprender o regreso circular cara á Fonsagrada pola LU-P-1901. No camiño, pasaremos polas aldeas tradicionais de Queizán (coa súa igrexa de Santiago), Liñares, Louxas, Seoane (cos seus hórreos de colmo), Barcela (coa capela de San Ramón), Aldobrén e a aldea de Lamas de Moreira, que destaca pola Igrexa románica de Santa María de Lamas de Moreira, os seus hórreos con feitura de palloza e as súas casas tradicionais de pedra á beira do río Lamas. Finalmente, antes de chegar á Fonsagrada, faremos unha última parada na Porteliña para visitar o seu mazo tradicional e a vella ferrería artesanal en proceso de rehabilitación.

A gastronomía destas terras é rica e xuiciosa, típica do interior e a montaña, baseada en produtos naturais e nunha tradición agrícola e gandeira milenaria. Como os mesmos viños da IXP, a gastronomía desta terra tamén conta unha historia, a nosa propia historia, e fala de tradición e da identidade das Terras do Navia. As carnes e embutidos cobran un protagonismo absoluto grazas ao gando alimentado en fabulosos pastos. A oferta gastronómica destaca polos seguintes produtos e pratos típicos:

  • A androlla: O produto estrela de Navia de Suarna, un embutido tradicional elaborado con tripas grosas de porco recheas de costela, touciño e peles, adobado con pemento, allo, ourego e sal, afumado con leña de carballo, que celebra a súa festa de exaltación no domingo de Entroido.

  • O butelo: Embutido artesanal a base de carne e costela de porco curada ao fume de leña, prato principal do cocido que conta coa súa propia Feira do Butelo en A Fonsagrada durante o mes de febreiro.

  • Carnes de gandería e caza: Chuletas e chuletóns de tenreira galega ou porco celta, xunto con pratos de caza maior coma o xabaril, o corzo e a perdiz, acompañados de cogomelos, castañas ou verduras frescas.

  • Peixes de río: As afamadas troitas e o salmón pescados nas augas limpas dos ríos da conca.

  • O Pastel da Fonsagrada: Sobremesa artesanal e exquisita feita a base de améndoa e crema, que se suma ás filloas e ao queixo con mel local producido nos tradicionais "cortíns".

  • O pan do país: Cocido en forno de leña coas mellores fariñas autóctonas, herdeiro directo dos produtos tradicionais descritos dende o século XIX no dicionario Madoz.

Os viños brancos da IXP, coa súa intensidade a flores e froita fresca madura, son excelentes para as troitas e queixos, mentres que os tintos estruturados e de paso tánico son a maridaxe ideal para pratos contundentes coma o cocido, a androlla, o butelo e as carnes de caza de montaña.

O territorio vitícola desta IXP Terras do Navia concéntrase nos vales da beira galega do río Navia, encaixado en terreos cunha altitude de entre 200 e 500 metros sobre o nivel do mar e protexido polos relevos da dorsal dos Ancares, a Serra de Uría e a Serra do Acebo. Estas montañas exercen un efecto barreira contra os ventos oceánicos, configurando unha zona de transición cara ao mediterráneo con marcada aridez estival e ampla oscilación térmica entre o día e a noite. Os chans son profundos, ben drenados, de fertilidade moderada e constituídos maioritariamente por lousa e arxila, onde destaca o cultivo tradicional en vaso e en "galleiros".

Son viños frescos, suaves en boca, limpos, brillantes e cun perfecto equilibrio entre o grao alcohólico e unha acedume ben equilibrada, o que permite o seu eventual envellecemento en barrica de madeira. Os viños brancos presentan cor amarela con tons verdosos, cunha potente intensidade aromática a flores e froita fresca madura, e unha boca estruturada, ampla e con toques cítricos. Os viños tintos presentan cor vermella con ribetes violáceos e capa media-alta, cun perfil olfativo dominado pola froita madura (amoras, cereixas, érbedos e arandos) e un paso por boca onde destacan os froitos vermellos cun lixeiro toque tánico final.

Variedades de uvas, castes

  • Brancas: Branco lexítimo, Albariño, Caíño Blanco, Godello, Loureira, Treixadura e Torrontés.

  • Tintas: Albarín Tinto, Mencía, Merenzao, Brancellao, Caíño Tinto e Loureiro Tinto.

Adegas Elaboradoras

Adega Sidrón, Adega Panchín e Bodega da Señora.

Se queres saber máis sobre a IXP Terras do Navia podes facelo aquí.

Otras rutas

Ver más