Ir al contenido de la página
Terra de Betanzos
Terra de Betanzos

A Ruta dos Viños da Biosfera

  • -: -
Descargar el pdf

A nosa ruta enoturística na procura dos Viños da Biosfera é unha ruta pola natureza e a nobreza do viño, unha viaxe onde se dan a man a nobre historia destas terras brigantinas e unha natureza que configura ecosistemas de gran valor medioambiental e idóneos para o cultivo da vide e a produción dalgúns dos mellores viños de Galicia. A toponimia menor destas terras é testemuño desta tradición vitivinícola. Topónimos como Bacelo, San Pantaleón das Viñas, entre outros, así o acreditan.

Este amplo espazo xeográfico declarado en 2013 pola UNESCO como “Reserva de Biosfera” inclúe os concellos de Abegondo, Aranga, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Coirós, Culleredo, Curtis, Irixoa, Miño, Oleiros, Oza-Cesuras, Paderne, Sada e Sobrado. Abranguendo, xa que logo, a todos os concellos da IXP Terra de Betanzos.

A ría de Betanzos é a saída natural ao mar deste territorio. Nace na cidade de Betanzos, como consecuencia da desembocadura conxunta dos ríos Mendo e Mandeo. Discorre entre marismas e xunqueiras durante uns oito quilómetros e logo amplíase para acabar uníndose á Ría de Ares no cabo coñecido como Punta Carboeira.

Ademais dos mencionados ríos, desembocan nas augas da ría de Betanzos o Lambre e o Baxoi, ambos pola súa marxe dereita. Conta con algunhas das mellores praias de Galicia, destacando especialmente a de Perbes e a Praia Grande, no concello de Miño, e a de Gandarío, no termo municipal Bergondo.

Destacan especialmente na nosa Reserva, polo seu gran valor ecolóxico, os antigos bosques atlánticos costeiros, que aínda conserva, e que cada vez son máis pequenos e escasos e están máis fragmentados. Estes bosques son o último refuxio de varias especies de fauna e flora, relictos climáticos que sobreviviron durante as últimas glaciacións nos bosques temperados do noso litoral. Hoxe en día, todas elas teñen unha distribución cada vez máis escasa e están altamente ameazadas.

Presentamos, pois, unha viaxe por un territorio de natureza exuberante, marcado por unha fonda historia; escenario medieval de loitas, conxuras novelescas e preitos entre nobres, abades e reis; que atesoura un patrimonio artístico de incalculable valor e onde o viño foi dende antigo un dos produtos fundamentais da súa economía. Chegando a adquirir renome internacional e a asociar o nome destas terras á viticultura máis enxebre.

Comezamos a nosa ruta polos viños da Biosfera na nobre vila de Betanzos, cidade de señorío, cabeza dunha das sete antigas provincias do Reino de Galicia. Nesta vila teremos a oportunidade de descubrir lugares únicos en Europa, como o Parque do Pasatempo, declarado Ben de Interese Cultural ou descubrir o magnífico mausoleo de Fernán Pérez de Andrade, considerado un dos mellores exemplos de Europa de sepulcro de cabaleiro medieval.

Comecemos a nosa visita a Betanzos co imprescindible paseo polo casco antigo da cidade, declarado Conxunto Histórico Artístico pola súa riqueza monumental e a súa singular arquitectura civil. É a capital do Gótico Galego, cos seus conventos, as súas igrexas de Santa María de Azougue e de San Francisco. O casco vello conserva, ademais, as tres portas de entrada das antigas murallas medievais e varios edificios emblemáticos. Unha boa opción para coñecer a zona histórica da vila é seguir as indicacións propostas no “Roteiro do Casco Histórico” deseñado polo Concello de Betanzos xa que, a través do percorrido polo recinto medieval da cidade coñeceremos a súa historia e visitaremos os principais monumentos.

Quen queira tomar un pincho a media mañá nada mellor que aproveitar este paseo para degustar a famosa tortilla de Betanzos cunha copa dun bo viño tinto das adegas da nosa IXP. Por exemplo, un monovarietal de uva mencía. 

Podemos continuar coa visita ao Parque do Pasatempo. Creado entre os anos 1893 e 1914 por Juan García Naveira, poderiamos consideralo o precursor dos actuais parques temáticos. O Parque está concibido como unha sorte de viaxe iniciático de cariz masónico, con numerosos elementos relativos á cultura e historia universal, inspirados nas lembranzas que Juan García tiña das distintas viaxes que realizou e da súa visión do mundo da economía, da empresa e
dos valores morais e éticos.

Betanzos é punto de partida tamén da Ruta do Viño, roteiro deseñado para dar a coñecer todo o patrimonio que posúe Betanzos fóra do seu su núcleo urbano. Un roteiro co eixo condutor dos ríos Mandeo e Mendo, os viñedos que rodean a Betanzos e os santuarios de máis devoción da zona (Os Remedios e As Angustias)

Continuamos ruta cara ao concello de Coirós. Un bo lugar para coñecer a beleza  desta Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo é visitar o Miradoiro da
Espenuca
, balcón privilexiado cara o canón do río Mandeo, pouco antes de unirse ao río Mendo na ría de Betanzos. Nas inmediacións atópase unha pequena ermida románica
do século XII, a ermida de Santa Eulalia da Espenuca, que, segundo as crónicas, foi
destruída polos suevos na invasión de comezos do século V, aínda que foi reconstruída
no ano 881.

Pero se queremos coñecer un lugar único relacionado con antigos ritos e deidades galaicas, na parroquia de Santa Mariña de Lamas atopamos un dos poucos santuarios galaicorromanos estudados en Galicia: o xacemento da Pedra Furada. Neste santuario rupestre único, delimitado con muros perimetrais, destaca como elemento principal a presenza da Moura, un gravado antropomorfo que representa unha figura feminina dotada de volume e na que destaca fundamentalmente a súa vulva, o que podería representar a fertilización no mundo simbólico da Idade de Ferro.

Os máis amantes da natureza teñen en Coirós a oportunidade de visitar o Centro de  Interpretación do Río Mandeo, onde se dan a coñecer os valores culturais e naturais do río e a importancia medioambiental da conca do Mandeo.

O noso itinerario tras os Viños da Biosfera continúa polo concello de Oza-Cesuras onde
poderemos seguir gozando deste espazo natural privilexiado. Unha parada na área de lecer de Reboredo é unha boa opción para descansar un pouco no noso particular percorrido. No medio dunha frondosa vexetación de piñeiros, eucaliptos, carballos e ameneiros, a área permite a pesca e o baño ao recrear unha piscina natural con auga represada do río. Conta con bancos e mesas de madeira e pedra en harmonía co medio natural. O paseo pode prolongarse polas beiras do Mendo ata a área recreativa de Agra.

Quen teña ganas dun pouco de actividade deportiva intensa nada mellor que visitar as fervenzas da Rexidoira, na parroquia de Filgueira de Barranca. Esta ruta, de dificultade alta pero breve, conduce ata un dos hábitats típicos desta bisbarra: as fervenzas escondidas entre densos bosques autóctonos. Nese tramo o río Mendo descende desde os 475 metros sobre o nivel do mar ata os 380, nun tramo de apenas 600 metros onde o río baixa, por treitos, encaixonado entre as paredes pétreas de fondos canóns.

Entre o patrimonio de Oza-Cesures destaca tamén a igrexa de San Nicolao de Cis, templo gótico do século XIV declarado Ben de Interese Cultural cunha fermosa representación da adoración do neno Xesús. Ao seu carón podemos ver a magnífica reitoral de Cis hoxe reconvertida en establecemento hosteleiro.

Rematamos a primeira etapa da ruta en Abegondo, onde teremos a oportunidade de visitar a Adega Bordel, unha explotación familiar en Abegondo cuxa tradición está vencellada tamén á produción de froita e verdura. Esta pequena adega cultiva a variedade branco lexítimo e ten unha produción moi limitada, o que lle da exclusividade. A súa actividade principal está ligada a diferentes actividades agrarias, pero na viticultura ten a súa máxima expresión a traveso dunha caste, con presenza secular neste territorio, a Branca Lexítima. No cerne de Adegas Bordel latexa o espírito dos viños ligados á Terra: un dos obxectivos principais que impulsaron a súa creación foi o compromiso activo na loita contra o abandono das terras agrarias, a recuperación
dunha actividade case perdida no límite xeográfico da IXP, e a posta en valor dunhas terras e unha caste propia do territorio e esquecida co paso do tempo. A adega é tamén un intento ilusionado de dar continuidade aos coñecementos transmitidos polos predecesores, buscando sementar o interese pola actividade agraria nas xeracións vindeiras, e ao mesmo tempo poñer as bases para fortalecer a sostibilidade do medio rural, tan necesitado de buscar iniciativas que axuden a conservar a poboación en dito medio. 

En Abegondo temos tamén unha das mellores mostras de pazos da provincia da Coruña: as Torres de San Tirso. Edificación histórica renacentista, recentemente rehabilitado, que data do século XVII e está vinculada á escritora Emilia Pardo-Bazán. Na actualidade o pazo está totalmente preparado para albergar eventos e banquetes.

Finalmente, a tardiña podemos reservala para a realización dunha das múltiples rutas
de sendeirismo
que existen ao longo da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Os diferentes camiños que podemos escoller e realizar a pé, en bicicleta grazas á súa senda ciclable ou en kayak, permitiranos descubrir hábitats de interese comunitario, diferentes especies de flora e máis de 200 especies de fauna protexida. O Observatorio de Aves de Crendes e a súa Aula de Natureza son un bo punto de partida para explorar a natureza deste concello.

Comezamos a segunda etapa da ruta coa visita matinal a Sada, vila que destaca pola súa arquitectura do Modernismo como ben poderemos comprobar, por exemplo, no magnífico edificio singular da Terraza, situado no paseo marítimo de Sada. Podemos complementar a visita cun paseo polos pintorescos barrios mariñeiros da Tenencia e Fontán, os máis antigos da vila e evidencia do estreito vínculo que se dá neste territorio entre a terra e o mar. E falando de mar, en Sada temos que probar un dos produtos estrela da cociña sadense: a xiba, cefalópodo que se serve en toda clase de tapas, dende as máis tradicionais ás máis vangardistas. Un bo viño branco da IXP, por exemplo un branco lexítimo, é o perfecto acompañamento.

Outra visita recomendable é a do famoso Pazo de Meirás e os seus xardíns. Construído pola condesa Da. Emilia Pardo Bazán no século XIX, aínda que con aspecto que lembra ás fortalezas medievais, é considerado o edificio máis emblemático dende o punto de vista histórico de todas as construcións pacegas de Sada. Declarado Ben de Interese Cultural en 2008, as Torres de Meirás, ao final da Guerra Civil, foron adquiridas fraudulentamente e utilizadas como residencia estival por Francisco Franco e posteriormente polos seus herdeiros ata que no ano 2020 deixou de ser propiedade da familia Franco e pasou a ser patrimonio do Estado.

Continuamos camiño cara a Bergondo para visitar a Adegas Rilo, onde os viticultores  explicarán con detalle o proceso de elaboración dos seus viños e afondarán na aposta
pola recuperación das variedades Branco Lexítimo e Agudelo, uvas autóctonas de excelente calidade propias da comarca das Mariñas. Ricardo Rilo Villar é o propietario das Bodegas Rilo e continuador dunha tradición que iniciou o seu pai alá polo ano 1946.

Posteriormente, propoñemos unha visita ao Pazo de Mariñán, que forma parte da Ruta da Camelia e no que gozaremos dun tesouro histórico, cultural e natural. En 1972 foi declarado Conxunto Histórico-Artístico e Monumental e a súa estrutura está dividida en tres partes diferenciadas: o propio pazo, a vivenda e os seus xardíns. Mención especial require o seu xardín, de estilo francés do século XVIII onde destacan árbores de especies raras e exóticas, algúns incluídos no Catálogo de Árbores Monumentais de Galicia e outros no de Árbores Senlleiras.

Outro Ben de Interese Cultural de Bergondo é o mosteiro e igrexa de San Salvador, situado no lugar de Bergondiño. Conxunto arquitectónico bieito, construído a finais do século XII, a súa igrexa presenta planta basilical de tres naves baixo cuberta de madeira a dúas augas. A igrexa perdeu a espadana e o rosetón románico da súa fábrica orixinal, pero conserva outros elementos como os robustos contrafortes. Este importante conxunto monacal chegou a estar baixo a protección do rei Afonso X e posteriormente dos condes de Andrade durante gran parte da Idade Media.

Xa pola tarde, en Paderne, visitaremos a Adega Beade xestionada por unha familia de viticultores de longa tradición especializada en elaborar viño de mesa. José Antonio Beade e a súa familia levan anos mantendo unha tradición vitivinícola que xa están a continuar as xeracións que veñen por detrás. A súa incorporación á elaboración dentro da IXP Viño da Terra de Betanzos supuxo un impulso para esta adega, que se modernizou e adaptou á indicación replantando variedades de calidade, mellorando o cultivo da viña e os seus tratamentos, e a propia elaboración do viño.

Os mosteiros do interior, Caaveiro e sobre todo o de Monfero, posuían viñas na beira da ría, en concreto en Obre (Paderne) e en Miño. E en San Pantaleón das Viñas a vide chegou a cubrir o 26% da parroquia. Esta parroquia de nome tan vinateiro conserva a igrexa de San Pantaleón das Viñas, de estilo románico e construída no século XII, atópase aos pés do Camiño Inglés a Santiago. Pola parroquia de San Pantaleón, concretamente polo lugar denominado como A Magdalena, discorría tamén o Camiño de Santiago que percorría a cornixa cantábrica e ao que se unían os peregrinos que desembarcaban nos portos do norte de Galicia. Vinculada a este camiño existía unha leprosería en A Magdalena.

Tamén podemos visitar a Ponte de Lambre, unha ponte de estilo gótico dun só, construída no século XIV por Fernán Pérez de Andrade “O Bóo”, para establecer unhas boas comunicacións entre Pontedeume e Betanzos, cabeza dos seus feudos. Esta foi unha das sete pontes que mandou construír o famoso cabaleiro. Ao seu carón detívose John Adams, quen foi o 2o presidente dos EE UU, que estaba en Europa en misión diplomática, e deixou conta da súa admiración pola construción desta ponte, así como da fertilidade da terra, nunha carta que escribiu á súa muller. Esta ponte está declarada Ben de Interese Cultural (BIC).

Para finalizar, poñemos o ramo a este itinerario circular pola IXP Terra de Betanzos, regresando á vila betanceira que, como facía o vello deus romano Xano, marca o comezo e o final desta viaxe pola nobreza duns viños da Biosfera nacidos dunha terra onde a historia, a tradición e natureza se combinaron maxistralmente para dar uns caldos propios dos deuses.

A gastronomía destas terras é rica e diversa, mestura de todos os froitos que nos ofrece o mar e o interior. Como os mesmos viños da IXP, a gastronomía desta terra tamén conta unha historia, a nosa propia historia e falan de tradición, de produtos de calidade e dun territorio. Produtos da horta, carnes e peixes, xunto co viño conforman a oferta gastronómica das Terras de Betanzos. A esta oferta lle sumamos que en determinados concellos da nosa IXP destacan pratos ou produtos típicos do lugar:

  • A tortilla de Betanzos ten gran fama e é o produto estrela da gastronomía betanceira.

  • O repolo de Betanzos véndese nos mercados da vila, é de sabor doce e moi
    apreciado para a elaboración do caldo galego.

  • O Bolo da Magdalena é un bolo de carne e ovo, algo así como unha empanada de carne pero un pouco máis contundente. Un alimento típico do Luns de Pascua para celebrar a Festa da Magdalena.

  • O bolo mariñeiro é un pan artesán ao que se lle quita o miolo e se rechea con bechamel, cebola chata, allo, porro e bivalvos da ría.

  • A cebola chata da comarca de Miño.

  • A xiba, cefalópodo que se serve en Sada en toda clase de tapas, dende as máis tradicionais ás máis vangardistas.

O río Mandeo e o seu afluente, o Mendo, crean os vales que rodean a cidade de Betanzos, onde se concentran as terras dedicadas ás castes autóctonas desta zona. As condicións límite de luz e temperatura permiten a elaboración de viños singulares. As viñas están plantadas en solos francos e profundos e a poda e condución das viñas realízase manualmente e con mestría para garantir un axeitado control do potencial vitícola.

Son viños lixeiros, de gradacións alcohólicas moderadas. Os elaborados a partir de uvas brancas presentan cor amarela pálida con reflexos verdosos; os aromas son froiteiros e florais e o sabor é lixeiramente acedo e con posgusto persistente. Os elaborados a partir de uvas tintas presentan cores de intensidade media de vermello-cereixa a vermello-cereixa escuro; aromas a froitos do bosque e o sabor é suave con estrutura e persistencia medias.

Variedades de uvas, castes

  • Brancos: Godello, Branco lexítimo (Albarín blanco), Agudelo (Chenin blanc) e Palomino.
  • Tintos: Mencía, Brancellao, Merenzao, Gran negro e Garnacha Tintorera.

Se queres saber máis sobre a IXP Viño da Terra de Betanzos podes facelo aquí.

Podes descargar a Guía Enoturística da Ruta dos Viños da Biosfera facendo click aquí. (PDF)

Podes descargar o Mapa do Itinerario cos principais puntos de interese facendo click aquí (PDF)

Otras rutas

Ver más