A nosa ruta enoturística na procura dos “Viños Oceánicos” constitúe unha invitación a viaxar e descubrir o rico e diverso patrimonio galego unido á cultura do viño. Unha viaxe sensorial e enriquecedora por unha rede de lugares de historia compartida, ganduxados dente antigo por vellos camiños e pola omnipresenza de paisaxes atlánticas. O itinerario transita entre a costa e os cumios, rememorando os vellos camiños de altura que percorrían a cordal do Morrazo, as etapas da vella calzada romana Vía XIX, os Camiños Reais e o Camiño Portugués de Santiago. Trátase dun percorrido herdeiro de vieiros transitados por arrieiros, produtores de viño, vendedores de peixe, leiteiras e peregrinos, a través dos cales fluíron as ideas, os bens e unha dinámica vitivinícola tradicional que perdura con forza na actualidade.
Este amplo espazo xeográfico inclúe os concellos de Poio, Marín, Pontevedra, Vilaboa, Bueu, Moaña, Cangas e Redondela. Abranguendo, xa que logo, a todos os concellos da IXP Ribeiras do Morrazo.
A zona costeira da Península do Morrazo e os fondos das rías de Pontevedra e Vigo configuran o eixe natural deste territorio. Esta contorna está estratexicamente protexida polos relevos da dorsal do Morrazo, a Serra de Castrove au norte, as elevacións cara a Serra do Suído no leste e a Serra do Galiñeiro no sur, que exercen un importante efecto barreira sobre a penetración de ventos oceánicos.
Ademais do mar das rías, a xeografía está modelada por ríos coma o Lérez, o Verdugo, o Freixa, o Miñouba, o Río Maior ou o Orxas. Conta con areais e espazos costeiros excepcionais, destacando as praias de Portocelo, Mogor, Aguete, Loira e O Santo en Marín; Lapamán, Porto Maior, Agrelo, Covelo, Petís, Mourisca, Lagos, Tulla e Pescadoira en Bueu; e praias como Aldán, Melide, Nerga, Rodeiro, Liméns, Menduíña, Vilariño, Barra ou Viñó no concello de Cangas, xunto coa praia de Cesantes en Redondela.
Destacan especialmente nesta contorna os singulares solos en areais e dunas na parroquia do Hío, que fan a esta viticultura única en Europa. Así mesmo, pódense atopar espazos de altísimo valor ecolóxico coma o Parque Nacional Illas Atlánticas (coas illas de Ons e Sálvora), o Lugar de Interese Comunitario da Enseada de San Simón, as Salinas de Ulló, o Lago de Castiñeiras, a Illa de Tambo ou o Bosque de sequoias de Poio (coñecido como Bosque de Colón). Cara ao interior, consérvanse espazos coma o Parque forestal da Fracha, o de A Tomba, o de Pontillón do Castro e o Parque Etnoarqueolóxico do Outeiro das Mouras, rodeados por unha contorna na que a omnipresenza do mar o impregna todo.
Presentamos unha viaxe por un territorio de forte identidade propia e carácter atlántico, onde a realidade histórica, a antropoloxía e a economía xiran en torno ás castes e aos viños. Unha oportunidade para descubrir o rico e diverso patrimonio galego unido á viticultura tradicional, mergullándose en lugares de historia compartida e saboreando unha gastronomía de excelencia elaborada con produtos frescos da costa.
Comezamos a nosa ruta polos viños oceánicos no Mosteiro de San Xoán de Poio, unha proposta enoturística onde conflúen a historia, os aromas e o sabor, reflectindo a función que desempeñaron as institucións monásticas na implantación do cultivo da vide desde a Idade Media. Nesta parada visitaremos a adega dos Mercedarios Monasterio de Poio, que conta con hospedaría e produce os viños Viñas de Monasterio Mencía e Viñas del Monasterio Albariño. A visita inclúe a igrexa do século XVII, o claustro das procesións do século XVI cunha fonte barroca, o claustro do cruceiro co seu mosaico do Camiño de Santiago, o museo de mosaicos, a súa gran biblioteca de 120.000 volumes e un percorrido polos viñedos anexos. Completamos o paso por Poio coa visita ao conxunto histórico-artístico da Vila mariñeira de Combarro, famosa polos seus hórreos e cruceiros, onde se atopa a Casa da Biblioteca de 1773 —que aínda conserva o seu antigo lagar de pedra—, a Casa Ateneo Corredoira e a Casa da Palma no lugar de Conventos..
Antes de continuar, nada mellor que probar unhas ameixas ou berberechos recollidos polas mariscadoras do banco de Lourido ou da Seca.
Avanzamos pola costa seguindo as estradas PO-308 e PO-551, antigo eixe de comunicación do litoral, en dirección ao concello de Marín. No camiño, realizamos unha parada na finca do Pazo de Montero Ríos (en Lourizán) para admirar os seus xardíns de 36 hectáreas, o seu invernadoiro modernista e o seu espectacular emparrado de forxa con motivos de acios de uvas. Xa en Marín, subimos ao Castro da Suvidá, asentamento fortificado da Idade do Ferro onde se descubriron ánforas vinarias romanas que testemuñan o comercio milenario de viño nestas costas. Seguidamente, na parroquia de Ardán, visitaremos a Adega Ardán, unha pequena explotación familiar que realiza unha sabedoría manual de acios e elabora marcas cun marcado carácter atlántico coma Praia do Santo, 3 Hermanos, Porta do Conde e Praia de Loira, cuxa visita se pode complementar coa adega tradicional do Pazo do Casal en Bueu ou ollando o mar desde os viñedos situados xunto ao Igrexario de Ardán, moi preto das praias de Loira e do Santo do Mar.
Continuamos pola PO-551 cara a Bueu, adentrándonos no territorio da uva tinta femia (caíño tinto) ao desviarnos cara ao Igrexario de Cela. Na parroquia de Cela coñeceremos pequenos viñedos tradicionais e a igrexa de Santa María de Cela, cuxos retablos barrocos locen columnas decoradas con acios de uvas. Tras gozar das vistas sobre a ría, baixamos á vila mariñeira de Bueu para pasear polo seu porto, a lonxa, o restaurado estaleiro de ribeira na Banda do río ou visitar o Museo Massó, centro fundamental para comprender a historia do mar, dos portos baleeiros e da conserva no Morrazo. Despois de explorar a paraxe de Cabo Udra, protexido pola Rede Natura 2000, seguimos ruta cara ao concello de Cangas. Aquí realizamos unha parada na Finca de Frendoal, tamén coñecida como o Bosque Encantado en Aldán, onde pasearemos xunto ao regato Orxas para descubrir o seu pequeno castelo e o acueduto de pedra do Arco dos Mouros, moi preto do sartego medieval da Cama do Demo.
Rematamos a primeira xornada na parroquia de O Hío, en Cangas do Morrazo, visitando a adega Videiras no Mar, un proxecto artesanal e sustentable con viñedos orientados cara a Ría de Aldán onde se elaboran os viños Quereres do Hío e Quereres de Berobreo. Para sentir plenamente o influxo do salitre, é recomendable achegarse aos viñedos de Donón (en zonas coma Costa Seixeira ou Cabo do vento), onde as vides medran directamente sobre a area depositada polos ventos do Atlántico. Pechamos o día admirando o famoso Cruceiro do Hío —onde o San Roque procesiona cun acio de uvas como exvoto— e subindo ao castro-santuario do Facho de Donón, atalaia mítica sobre os cantís da Costa da Vela e o Faro de Cabo Home.
Iniciamos a segunda xornada cun paseo pola vila e o porto de Cangas, lembrando historias locais coma a herdanza de María Soliña e os xuízos por bruxería vinculados á igrexa de Coiro e á praia de Areas Gordas (en Rodeiro). De seguido, encamiñamos os nosos pasos cara ao concello de Moaña pola estrada PO-551. Na parroquia de San Martiño visitaremos a igrexa románica de San Martiño de Moaña, onde destaca un canzorro que representa a un home bebendo dunha pipa de viño coma símbolo da alegría popular. No mesmo concello, visitaremos Bodegas Costas de Exportación, situada na rúa Quintela, unha empresa de terceira xeración que conta con adega subterránea e cuxo viño Raigames acadou na súa primeira colleita a “Medalla Gran Oro” no Concurso Nacional de Viños VinEspaña 2025 e as Medallas de Prata, tanto no Concurso Internacional Bacchus 2025 como no International Wine Challenge 2025, considerado o máis prestixioso concurso de viños a nivel mundial.
O seguinte destino condúcenos a Vilaboa a través da PO-551 e a N-554. Na parroquia de Santa Cristina de Cobres facemos parada na Adega e Casa Rural Os Areeiros, explotación familiar con viñedos e cepas centenarias cuxa tradición vitícola se remonta ao século XVII. Alí poderemos catar o seu Os Areeiros Albariño ou o seu Os Areeiros Tinto —elaborado con caíño, sousón e mencía— e pasear por un xardín adobiado co lagar e as prensas orixinais da casa. Tras ollar a descarga do mexillón no porto de San Adrián de Cobres, visitaremos o enclave natural das Salinas de Ulló, espazo de grande interese natural e cultural que conserva o seu gran dique do século XVII e as ruínas da Granxa do Ulló. Continuamos o camiño cara a Redondela, onde contemplamos a enseada de San Simón e a estatua do Capitán Nemo. En Redondela, visitamos a Adega Reboraina, situada na parroquia de Santa María de Reboreda, que conta cunha superficie de catro hectáreas de viñedos familiares dende o século XIX para producir o 100 Polas (godello) e o albariño Reboraina, ofrecendo a experiencia do seu tradicional furancho nun pazo inmortalizado por Otero Pedrayo na novela O señorito da Reboraina. Completamos o paso pola vila subindo ao miradoiro do Campo da Rata e visitando o centro Meirande en Rande, centro de interpretación da Batalla de Rande situado na antiga Fábrica do Alemán co seu Cargadoiro do Alemán. Para pechar o bloque, subimos ao Monte da Peneda para ollar a Depresión Meridiana dende a ermida da Nosa Señora da Peneda e as ruínas da Fortaleza de Castrizán.
Baixamos cara ao norte seguindo o trazado da antiga calzada romana Vía XIX. Tras unha parada na localidade de Arcade para degustar as súas afamadas ostras, cruzamos a histórica ponte de Ponte Sampaio sobre o río Verdugo para entrar de novo no concello de Pontevedra. No núcleo de Ponte Sampaio visitaremos a igrexa de Santa María de Ponte Sampaio, templo románico do século XII cuxo arco triunfal descansa sobre columnas con capiteis decorados con follas de vide, ollando tamén a próxima Illa de Medal (ou A Insuíña). Desviámonos despois cara á aldea da Canicouva para visitar a igrexa de San Estevo da Canicouva, que loce unha cepa natural na súa porta e conserva un canzorro medieval coa emblemática figura dun home bebendo dun tonel de viño, moi preto do penedo da Cama de Santo Estevo. Seguimos o camiño cara a Pontevedra cruzando as parroquias de Marcón e Tomeza, deténdonos no santuario de San Cibrán de Tomeza, balcón privilexiado sobre o val onde actuaban os curandeiros ou "pastequeiros", quen usaban o viño local nos seus rituais.
Entramos finalmente na cidade de Pontevedra polo Camiño Portugués, deixando atrás o Pazo da Parda e ollando o Monte da Fracha (e o seu Chan da Parafita). O percorrido polo casco vello arranca no santuario da Peregrina e na rúa González Zúñiga, onde se atopa a histórica parra do Bar Parvadas. Paseamos pola praza da Ferrería, a rúa dos Soportais, a rúa Manuel Quiroga e a rúa Don Filiberto, pasando carón da Casa das Campás ata chegar á basílica de Santa María a Maior, que loce no seu interior os releves coa fábula da raposa e as uvas. Cruzamos o cruceiro das Cinco rúas, a rúa Real e a rúa Sarmiento para visitar a igrexa de San Bartolomeu —cuxo altar de San Xoán Bautista está adornado con acios de uvas barrocos e que historicamente marcaba a "denominación de orixe" dos viños con dereito a consumo na vila—. A viaxe culmina no Museo Provincial de Pontevedra, admirando as pezas de ourivería castrexa, as ánforas vinarias e un miliario reconvertido en peso de lagar, antes de achegarnos ao mosteiro de San Benito de Lérez, as marismas de Alba e o museo ao aire libre da Illa das Esculturas.
A gastronomía destas terras é rica e diversa, mestura de todos os froitos que nos ofrece o mar, a horta e o interior, combinando unha materia prima de magnífica calidade cun saber culinario milenario. Como os mesmos viños da IXP, a gastronomía desta terra tamén conta unha historia, a nosa propia historia, e fala de tradición, de produtos de calidade e dun territorio. Tres son os pés desta cociña: os produtos naturais da beiramar, unha cultura ancestral fortemente enraizada e unha restauración que abrangue desde as caldeiradas caseiras ata a vangarda da alta cociña galega. Nesta oferta destacan os seguintes produtos e pratos típicos:
-
A sopa de navidade: Un reconstituínte prato tradicional que se prepara disolvendo onzas de chocolate en viño tinto fervido, servido con pan e azucre, típico de localidades coma Ermelo, Cela, Beluso ou Ardán.
-
O choco de Redondela: Signo de identidade local pescado con nasas na enseada de San Simón, que se prepara na súa tinta, con arroz ou en empanada, e que se exalta na súa famosa festa de maio.
-
As ostras de Arcade: Un manxar tradicional que historicamente se enviaba en escabeche á Corte Real en Madrid e que hoxe se consume ao natural cunhas pingas de limón.
-
Os mariscos das Rías Baixas: Ameixas e berberechos recollidos nos bancos de Lourido ou da Seca en Campelo, xunto con mexillóns das bateas descargados no porto de San Adrián de Cobres, ademais de ostras, navallas, nécoras, cigalas, centolas, lagostas, percebes e polbo.
-
Peixes e carnes da comarca: Robaliza, rape (en caldeirada mariñeira), rodaballo, sardiñas, xoubas fritas, linguados e pescadas do pincho, acompañados polas excelentes carnes de porco (en lacón con grelos), tenreira galega ou cabrito.
-
Produtos da horta e sobremesas: Patacas, verzas, grelos, repolos, pementos, tomates, chícharos e fabas das hortas morrazas, que dan paso a doces coma o leite frito, as chulas, as filloas, o requeixo, queixos, canas de crema, vinchas, empanada de mazá, a castaña ou o postre típico coñecido como o bandullo en Moaña.
Todos estes pratos e produtos atopan nos viños da IXP o seu complemento perfecto. Os viños brancos, frescos, afroitados e salinos, son perfectos para os peixes e mariscos destas rías. Os tintos, coma os verdadeiros elixires elaborados a partir do caíño tinto ou Tinta Femia en Cela, de paso suave e lixeiramente tánico, son a maridaxe idónea para as carnes, o polbo, as xoubas fritas ou os pratos de chocos.
A zona amparada por esta Indicación Xeográfica Protexida esténdese polas suaves ladeiras costreiras da Península do Morrazo e os fondos das rías de Pontevedra e Vigo. Case a totalidade da superficie dedicada ao cultivo do viñedo atópase por debaixo dos 150 metros sobre o nivel do mar, en terreos de aba protexidos por un cinto de relevos que exercen un importante efeito barreira sobre os ventos oceánicos: a dorsal do Morrazo, a Serra de Castrove ao norte, a Serra do Suído no leste e a Serra do Galiñeiro no sur. Os solos son antigos, moderadamente ácidos, permeables, con baixa capacidade de retención de auga e cun perfil quente ben aquecido pola insolación. Salientan de xeito único os solos en areais e dunas na parroquia do Hío, en Cangas do Morrazo. As prácticas culturais tradicionais apostaron por sistemas de condución e poda en formas baixas con altas densidades para protexerse das influencias marítimas.
Son viños frescos e suaves en boca, limpos e brillantes, cunha graduación alcohólica moderada e equilibrada acedume. Os viños brancos presentan tons amarelos dourados brillantes, con potentes e destacados aromas florais e de froitas, boca lixeira e toques cítricos ao final. Os viños tintos preséntanse ben cubertos en fase visual, cunha capa media de tons vermellos de picota e reberetes violáceos; os seus aromas evocan froitas vermellas e silvestres, amosando unha estrutura media, paso suave e un toque final lixeiramente tánico.
Variedades de uvas, castes
-
Brancas: Albariño, Caíño Branco, Godello, Loureira, Treixadura, Branco lexítimo e Torrontés.
-
Tintas: Brancellao, Caíño Tinto (coñecido localmente coma Tinta Femia), Pedral, Espadeiro, Loureiro Tinto, Mencía e Sousón.
Adegas Elaboradoras
Adega Ardán, Adega Os Areeiros, Mercedarios Monasterio de Poio, Reboraina e Bodegas Costas de Exportación (Adegas Costas).
Se queres saber máis sobre a IXP Ribeiras do Morrazo podes facelo aquí.
Podes descargar a Guía Enoturística da Ruta dos Viños Oceánicos facendo click aquí. (PDF)
Podes descargar o Mapa do Itinerario cos principais puntos de interese facendo click aquí (PDF)