A nosa ruta enoturística polo confín dos verdes castros é un camiño onde o mito, a historia e a paisaxe se funden nun relato inesquecible. Trátase dun territorio de gran fertilidade, non só para os seus viñedos atlánticos, senón tamén para as súas letras. Esta viaxe rende homenaxe a plumas senlleiras da cultura galega como Rosalía de Castro, Valle-Inclán, Castelao, Manuel Antonio, Rafael Diestre e Ferro Couselo, fillos e fillas do confín dos verdes castros, que dicía Eduardo Pondal no seu poema Os Pinos, nacidos nestes montesíos lares costeiros onde o mito e a historia se deron a man para crear uns viños que fan paisaxe.
Este amplo espazo xeográfico da IXP Terra do Barbanza e Iria inclúe os concellos de Lousame, Dodro, Padrón, Porto do Son, Pontecesures, Boiro, Rianxo, Valga, Catoira, A Pobra do Caramiñal e Ribeira.
A zona baixa do litoral norte da ría de Arousa máis o leito inferior e desembocadura do río Ulla configuran o eixe natural costeiro deste territorio. Esta contorna debuxa unha terra de marcada vocación mariñeira bañada polo Océano Atlántico, o que lle confire un carácter marcadamente atlántico do que tamén se ven beneficiados os seus viñedos.
Ademais do mencionado río Ulla, desembocan ou discorren por este espazo ríos como o Sar, o Pedras, o San Xoán, o Barbanza ou o Té. Conta con algunhas das mellores praias de Galicia, destacando especialmente a praia fluvial de Vilarello no concello de Valga, os areais de Barraña e Carragueiros en Boiro, a praia da Lombiña na Pobra do Caramiñal, as Furnas e a Aguieira en Porto do Son, e as praias de Tanxil e a Torre no termo municipal de Rianxo.
Destacan especialmente nesta contorna, polo seu gran valor ecolóxico, as marismas e o Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo coas súas lagoas de Vixán (de auga doce) e Carregal (de auga salgada), que acollen entre xuncos e carrizos a milleiros de aves acuáticas. Así mesmo, pódense atopar espazos protexidos como as Brañas de Laíño, as lagoas de Xuño e San Pedro de Muro, xunto co labirinto rochoso das illas de Sálvora e Rúa. Cara ao interior, consérvanse fermosos bosques atlánticos de ribeira onde medran carballos, ameneiros e loureiros inzados de fentos e musgo, que serven de refuxio á fauna e flora local.
Presentamos, pois, unha viaxe por un territorio de natureza exuberante, marcado por unha fonda historia onde as paisaxes rurais e marítimas están fusionadas polo turismo azul e unha enogastronomía de excelencia. Unha encrucillada cultural milenaria que atesoura un patrimonio arqueolóxico de incalculable valor —marcado polo legado dos numerosos castros costeiros— e onde a tradición vitivinícola medra amparada nun microclima especial para ofrecer uns viños extraordinarios con sabor a mar, ao sagrado e ao mito.
Comezamos a nosa ruta polos viños mareiros no concello de Valga, situado nun val ao abrigo do Monte Xesteira. Nesta vila teremos a oportunidade de descubrir a Adega Castellum Augusti, unha explotación artesanal e familiar cunha traxectoria de máis de 15 anos que combina a sabedoría de xeracións cos novos avances para comercializar o viño elaborado co método tradicional. As súas parcelas están plantadas coa variedade albariño, uva 100% coa que elaboran a totalidade dos seus viños de autor: Castellum Augusti, de aroma a froita de óso e notas herbáceas frescas e Pepe Cabanas, de cor amarela dourada con aromas a froita madura, branca e tropical e un toque de herbas do monte —ambos os dous moi saborosos, equilibrados e con notas salinas. Para os que buscan un albariño diferente nada mellor que “O’ Elixir de Lucía”, elaborado con uva de viñas novas, posúe un aroma expresivo con flores brancas, xazmín, herbas secas, e froitas de óso. En boca saboroso, equilibrado e graxo.
Completamos a visita a Valga cun imprescindible percorrido polo seu patrimonio histórico e natural, recomendando unha parada no Museo de Historia de Valga para coñecer a traxectoria vital de dous personaxes senlleiras do país: o galeguista Xesús Ferro Couselo e a bailarina Agustina Otero, coñecida como a Bella Otero. Así mesmo, podemos realizar unha andaina polas fervenzas e os muíños de Parafita e Raxoi ou visitar a lagoa Mina Mercedes, antigo espazo mineiro hoxe reconvertido nun ecosistema de grande interese faunístico. Continuamos viaxe cara ao concello de Catoira, ancorado na desembocadura do río Ulla e dotado dunha grande beleza paisaxística polas súas vistas sobre a ría de Arousa. Nesta vila teremos a oportunidade de admirar as históricas Torres do Oeste, ruínas do antigo Castellum Honesti construído polo bispo Cresconio para protexer a cidade santa de Compostela dos ataques viquingos e sarracenos. Para entender o pasado destas terras é fundamental visitar o Centro de Activación Cultural Torres do Oeste e contemplar no peirao as dúas réplicas dos drakkars viquingos utilizados na súa famosa romaría, declarada Festa de Interese Turístico Internacional.
Quen queira tomar un pincho a media mañá nada mellor que aproveitar este paso pola contorna do esteiro do Ulla para degustar unha delicatessen gastronómica milenaria coma a lamprea, xa sexa guisada, á bordalesa, en empanada ou en forma de timbal. Este suculento bocado de temporada marida á perfección cos viños tintos artesanais e de altísima calidade que ofrece a nosa Indicación Xeográfica Protexida.
Rematamos a primeira etapa do noso itinerario en Boiro, vila mariñeira que destaca por unha riqueza patrimonial que permite coñecer máis de 7.000 anos de historia de Galicia. Un imprescindible da zona é a visita aos castros de Neixón e ao Centro Arqueolóxico do Barbanza, un asentamento que documenta un importante papel comercial na Idade de Ferro, canalizando mercadorías co Mediterráneo, entre elas o viño. Na parroquia de Cespón podemos visitar a igrexa de San Vicente, o templo máis antigo de Boiro, que conserva un retablo barroco con representacións de vides e uvas. Outra das paradas recomendadas para afondar na tradición vitivinícola da zona é o Pazo Torre de Goiáns, edificación señorial vinculada á liñaxe dos Mariño que posúe lagares históricos e un embarcadoiro crucial para o comercio de viño e ostras cos mosteiros. Os máis amantes da botánica teñen a oportunidade de visitar no lugar de Brazos a Casa das Camelias, un xardín con máis de 1.500 variedades de plantas que rodea unha casa anterior a 1785. Finalmente, a tardiña podemos reservala para gozar dunha posta de sol dende o Miradoiro da Magdalena, na parroquia de Santiago de Lampón, que ofrece unha panorámica completa sobre o esteiro do río Coroño, a praia de Barraña e o pobo de Boiro.
Comezamos a segunda etapa da ruta coa visita matinal ao concello da Pobra do Caramiñal, ascendendo ao Miradoiro da Curota, balcón privilexiado dende onde se pode gozar dunha impresionante vista panorámica da ría de Arousa e da illa de Sálvora. De regreso á vila mariñeira, o paseo polo centro histórico permítenos descubrir o seu patrimonio monumental, destacando a Igrexa de Santiago da Pobra do Deán, templo xacobeo gótico mariñeiro que acolle a famosa procesión do Nazareno; a Casa Grande de Aguiar do século XVI, a Igrexa de Santa María A Antiga, o Paseo da Xunqueira e o pintoresco Barrio dos cataláns, zona de antigos almacéns de salgadura. Unha parada ineludible é o Pazo Torre de Bermúdez, edificación renacentista catalogada como Ben de Interese Cultural que alberga o Museo Valle-Inclán, onde se custodian primeiras edicións e manuscritos do célebre escritor. Nesta contorna teremos a oportunidade de visitar a Adega Entre os Ríos, un proxecto cuxa filosofía se basea no máximo respecto polo terreo, elaborando brancos de albariño e tintos de mencía sen tratamentos químicos innecesarios, a partir de viñedos seleccionados dos clons do antigo convento da Mercé con cepas de ata 50 anos. Alí poderemos catar o seu afamado Altares de Postmarcos, un branco monovarietal cunha complexa crianza sobre lías que lle aporta volume e untuosidade, ou o seu tinto Pintadoiro. Ao carón da adega, que tamén funciona como hotel rural nun vello muíño do século XVIII, podemos gozar da paraxe natural que forman as piscinas naturais do Río Pedras e a maxestosa Fervenza de Misarela.
Continuamos o noso camiño cara ao concello de Ribeira, onde atopamos unha das paraxes naturais máis valiosas de España: o Parque Natural Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, un espazo protexido onde conviven a maior duna de Galicia coa lagoa de Vixán (de auga doce) e a lagoa de Carregal (de auga salgada), dotado dun Centro de Recepción de Visitantes e do Centro de Interpretación dos Ecosistemas Litorais de Galicia. Na parroquia de Oleiros visitaremos o Dolmen de Axeitos, xoia do megalitismo atlántico, mentres que no cume do monte de San Roque podemos explorar o Parque de San Roque, museo ao aire libre que acolle o Centro de Interpretación Arqueolóxica. Para seguir afondando no pasado deste confín, subiremos ao Castro da Cidá, asentamento da Idade do Ferro situado sobre un cumio estratéxico que ofrece unha gran panorámica xunto ao Miradoiro da Rá. Tras un paseo polo porto, achegarémonos ao porto de Aguiño para contemplar as tradicionais dornas e visitar a praia da Covasa, onde se conservan os restos do antigo peirao coñecido como "Porto Fenicio". Proseguimos a ruta cara ao concello de Porto do Son para visitar o espectacular Castro de Baroña, un dos asentamentos castrexos mellor conservados do país, erixido sobre unha península rochosa e flanqueado pola praia de Area Longa. A riqueza ecolóxica deste termo maniféstase tamén nas lagoas de Xuño e San Pedro de Muro e en areais emblemáticos coma a praia das Furnas.
Para finalizar, poñemos o ramo a este itinerario circular regresando ao concello de Rianxo, onde teremos a nosa última cita cos viños da IXP visitando a Adega Cazapitas. Este proxecto viticultor, dirixido por tres amigos, fundaméntase no amor á terra e na recuperación das castes autóctonas sobre solos graníticos sen o emprego de insecticidas nin produtos químicos. Nas súas instalacións poderemos coñecer os seus viños de gran carácter e lonxevidade, destacando o branco Fonteneixe, elaborado con albariño de viñas de 43 anos en parra, e o Raposo, unha singular elaboración monovarietal de uva branco lexítimo que destaca pola súa intensidade aromática e frescura, galardoado con Medalla de Ouro. O paseo polo porto de Rianxo e o seu centro histórico permítenos descubrir as tradicionais Casas do remo, a Casa Museo de Manuel Antonio e o Museo do Mar, testemuñas do forte vínculo da comarca coa identidade mariñeira. Na parroquia de Araño podemos admirar o Hórreo da reitoral de Araño, considerado o máis longo do mundo e mostra da antiga capacidade recadatoria da Igrexa. Quen queira afondar nas lendas medievais da vila nada mellor que achegarse ás ruínas do Castelo da Lúa, antiga fortaleza da Orde do Temple situada á beira da praia da Torre. A tardiña convídanos a descansar nas augas da praia de Tanxil, marcando o final desta viaxe pola nobreza duns viños mareiros nacidos dunha terra onde a historia, a tradición e a natureza se combinaron maxistralmente.
A gastronomía destas terras é rica e diversa, mestura de todos os froitos que nos ofrece o mar e o interior. Como os mesmos viños da IXP, a gastronomía desta terra tamén conta unha historia, a nosa propia historia, e fala de tradición, de produtos de calidade e dun territorio. Produtos da horta, carnes e peixes, xunto co viño, conforman a oferta gastronómica da Terra de Barbanza e Iria. A esta oferta lle sumamos que en determinados concellos da nosa IXP destacan pratos ou produtos típicos do lugar:
-
O mexillón de Cabo de Cruz: Produto con Denominación de Orixe Protexida, considerado un dos grandes testemuños culinarios da zona.
-
As ostras en escabeche de Abanqueiro: Unha exquisitez con gran fama histórica en Boiro que nos séculos XVI, XVII e XVIII era anhelada pola Corte Real. A receita tradicional consiste en abrir e limpar as ostras, fuxilas en aceite de oliva e mergullalas nunha mestura de viño, vinagre de uva, allo, loureiro, cravo, canela e sal.
-
A lamprea do río Ulla: Un suculento bocado milenario coñecido coma a "raíña do río", que se pesca de xaneiro a maio en concellos coma Pontecesures, Catoira ou Padrón, e que se prepara guisada, á bordalesa, en empanada ou en forma de timbal.
-
O pemento de Herbón: Produto con Denominación de Orixe Protexida cultivado nas fértiles hortas de Padrón, cuxo recoñecemento internacional se celebra na súa famosa festa gastronómica de agosto.
-
A torta de San Ramón: Sobremesa característica de Boiro, tamén coñecida coma "Os Sanramóns", elaborada a base de froitos secos e chocolate que se serve en frío.
-
Mariscos e peixes da ría: Ameixas, berberechos, polbo, pescada, sargo, xoubas, chicharros, bocartes, abadexos, fanecas, ollomol, linguados ou lubinas enchen os mercados locais cada mañá.
Todos estes pratos e produtos atopan nos viños da IXP o seu complemento perfecto. Os viños brancos, de bo potencial aromático, lixeiros e frescos en boca con toques ácidos e salinos finais, harmonizan á perfección co peixe e cos sabores iodados dos mariscos. Os tintos, co seu predominante aroma a froitas vermellas e silvestres, de paso suave e lixeiramente tánico, son a maridaxe idónea para as carnes e para pratos complexos coma a lamprea.
A zona baixa do litoral norte da ría de Arousa máis o leito inferior e desembocadura do río Ulla configuran os vales e ladeiras costeiras desta comarca, onde se concentran as terras dedicadas ao cultivo de viñedos. Case a totalidade da superficie atópase por debaixo dos 150 metros sobre o nivel do mar, con suaves pendentes de orientación sur protexidas pola serra do Barbanza. Os solos están marcados pola influencia das rocas de granito e xistos do macizo, e o coidado das viñas realízase de xeito manual e artesanal para garantir un axeitado control do potencial vitícola, reflectindo as esencias da súa orixe, o solo e o clima.
Son viños lixeiros, limpos e brillantes, de gradacións alcohólicas moderadas. Os elaborados a partir de uvas brancas presentan cor amarela dourada brillante; os aromas son florais e afroitados e o sabor en boca é lixeiro, fresco, con bo potencial aromático e toques cítricos ao final. Os elaborados a partir de uvas tintas presentan unha capa media con tons vermello picota e reberetes violáceos; os aromas son a froitas vermellas e silvestres e o sabor presenta unha estrutura media, paso suave e un toque final lixeiramente tánico.
Variedades de uvas, castes
-
Brancos: Albariño, Caíño Branco, Godello, Loureira (Loureiro Branco ou Marqués), Treixadura, Branco lexítimo (Albarín Blanco), Agudelo (Chenin Blanc) e Torrontés.
-
Tintos: Brancellao, Caíño Tinto, Espadeiro, Loureiro Tinto, Mencía, Sousón e Merenzao.
Se queres saber máis sobre a IXP Viño da Terra de Barbanza e Iria podes facelo aquí.
Podes descargar a Guía Enoturística da Ruta dos Viños Mareiros que fan Paisaxe facendo click aquí. (PDF)
Podes descargar o Mapa do Itinerario cos principais puntos de interese facendo click aquí (PDF)