Nado no Navia, loce na Mariña!: un evento para aproximarse á IXP dos viños das Terras do Navia
O próximo luns 15 de decembro de 2025, o Parador de Ribadeo converterase no escenario central do encontro Nado no Navia, loce na Mariña!, unha xornada para coñecer máis de preto os viños da IXP Terras do Navia. Este evento nace coa vontade de poñer en valor a riqueza vitícola deste territorio e reforzar os vínculos entre o sector primario, o turismo e a gastronomía da provincia. A iniciativa, impulsada pola Área Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, conta cunha axuda específica destinada a fortalecer a visibilidade e proxección destes viños de montaña, cada vez máis recoñecidos polo seu carácter e identidade.
Unha mañá para o encontro e o diálogo ao redor da IXP dos viños das Terras do Navia
A xornada dará comezo ás 10:30 horas coa recepción das persoas participantes. Tras o saúdo inicial e a apertura institucional —na que intervirán representantes da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, da Consellería do Medio Rural en Lugo e a presidenta da Asociación das IXP de Viños de Galicia, Maite Maestre Manteca— abrirase o primeiro gran espazo de reflexión do día.
Entre as 11:15 e as 12:30, o faladoiro “Terras do Navia... na Mariña” reunirá produtores, representantes das IXP, adegueiros e voces destacadas do sector gastronómico para explorar a relación entre a produción vitícola, o consumo local e o potencial turístico da Mariña lucense. Este diálogo pretende ofrecer unha visión ampla das oportunidades do territorio, amosando como o viño pode actuar como motor de dinamización rural e cultural.
Acto seguido, entre 12:30 e 13:30, celebrarase unha degustación na que o público poderá coñecer de primeira man os viños da IXP Terras do Navia acompañados de produtos agroalimentarios de calidade da provincia. Unha boa oportuidade para poñer en valor a maridaxe con alimentos de proximidade, reforzando a conexión entre produtores, restauradores e consumidores.
Unha tarde para gozar, aprender e descubrir
A partir das 16:30, as adegas da IXP Terras do Navia abrirán un espazo de mostra no que o público poderá coñecer, catar e adquirir os seus viños. Este paseo polas adegas servirá de antesala á cata comentada dirixida polo recoñecido equipo Paadín, que entre as 17:00 e as 18:00 achegará unha lectura profesional dos viños presentes, incluíndo tamén unha representación doutras IXP galegas seleccionadas polo sumiller.
A parte final do día estará marcada pola cultura. Entre 18:00 e 19:00, terá lugar a actividade “Viños con música que falan de nós”, unha intervención musical de raíz vinculada ao mundo do viño, organizada coa colaboración da Fundación Legar e das adegas participantes. A xornada rematará cun último paseo polas adegas, pensado para quen queira completar o seu descubrimento das propostas vitivinícolas.
Un convite aberto ao sector
O evento fai un chamamento especial ás persoas socias das IXP e ao sector da restauración e do turismo, así como outras persoas que poidan estar interesadas en coñecer a IXP Terras do Navia, convidándoas a participar en calquera dos tramos da xornada. Para unha correcta planificación, é imprescindible inscribirse neste formulario.
A cita de Ribadeo preséntase, así, como unha oportunidade excepcional para celebrar o talento vitivinícola das Terras do Navia e para reforzar a importancia dun territorio que fala a través dos seus viños, das súas persoas e da súa paisaxe.