A comarca de Betanzos dá un paso adiante coa creación de Avibe
Onte tivo lugar un paso histórico para a viticultura da comarca de Betanzos: a presentación oficial de Avibe, a Asociación de Viñeróns de Betanzos (IXP), unha nova entidade que nace coa vontade de fortalecer o sector, dar visibilidade ao pequeno produtor e impulsar o prestixio dos viños elaborados baixo a IXP Viño da Terra de Betanzos.
O acto celebrouse o martes 18 de novembro, ás 17.30 horas, na sede da Fundación Juana de Vega (Oleiros). Ata alí achegáronse máis dunha ducia de viticultores que integran o colectivo e que, durante a última campaña, teñen demostrado un compromiso firme coa profesionalización e a calidade dos viños betanceiros.
Un proxecto colectivo para un territorio con identidade propia
Avibe nace cunha visión clara: traballar en rede, compartir coñecementos e reforzar a presenza dos viños da IXP nos mercados e na hostalaría galega. A entidade procurará converterse nun espazo de diálogo e cooperación no que viticultores e adegas poidan desenvolver accións conxuntas de formación técnica, defensa da calidade e posta en valor da identidade propia dos viños de Betanzos.
Entre os impulsores destacan viticultores de distintos puntos da zona amparada pola IXP, incluídos profesionais de Paderne como Jorge Molina e Luis Sande, este último ao fronte da adega Pagos de Brigante, coñecida pola súa aposta pola recuperación de viñedos históricos ao pé do río Mandeo.
A Terra de Betanzos: unha IXP pequena pero con grande potencial
A IXP Viño da Terra de Betanzos abrangue os concellos de Bergondo, Betanzos, Coirós, Miño e Paderne, ademais de varias parroquias de Abegondo, Oza-Cesuras e Sada. Situada no corazón da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, esta comarca combina influencia atlántica, ladeiras suaves e variedades autóctonas que lle dan ao viño un carácter único, con especial protagonismo do branco lexítimo.
Segundo os últimos datos, en 2023 contabilizábanse:
-
6 hectáreas en produción.
-
7 viticultores rexistrados.
-
6 adegas activas.
-
Un valor económico aproximado de 33.000€.
Cifras modestas que, porén, revelan un enorme marxe de crecemento. A creación de Avibe posiciona ao territorio para dar ese salto cualitativo e reforzar a súa presenza no mapa vitivinícola galego.
Un chamamento ao sector e ás institucións
O acto serviu como chamamento aberto a outros viticultores, adegas e administracións da contorna para sumarse a este proxecto colectivo. A entidade nace coa intención de asegurar o relevo xeracional, mellorar a rendibilidade das viñas e favorecer que a IXP Terra de Betanzos continúe avanzando cara á súa consolidación e recoñecemento.
Dende Viños das IXP de Galicia celebramos este novo impulso asociativo e a aparición de Avibe, unha iniciativa que reforza o compromiso coa calidade, o territorio e o futuro do viño galego.
Fotografía cedida a El Ideal Gallego.